Qualcomm presenta a plataforma móbil Snapdragon 8 Gen 5

mércores, 26 de novembro do 2025 Redacción

Qualcomm anunciou oficialmente o lanzamento da súa nova plataforma móbil Snapdragon 8 Gen 5, destinada a marcar un salto cualitativo no rendemento dos dispositivos de gama alta, como unha alternativa económica ao Snapdragon 8 Elite Gen 5. A compañía define este procesador como “premium ata a medula”, cun deseño que combina potencia, eficiencia e capacidades avanzadas de intelixencia artificial.
O núcleo da proposta é o procesador Qualcomm Oryon, capaz de acadar velocidades de ata 3,8 GHz cun incremento do 36% no rendemento respecto á xeración anterior. A isto súmase unha GPU Adreno redeseñada, que ofrece un 11 % máis de velocidade gráfica e mellora a eficiencia enerxética grazas ao proceso de fabricación de 3 nanómetros, que permite un aforro global do 13 % en consumo.
No apartado fotográfico e audiovisual, a plataforma incorpora o ISP Qualcomm Spectra de 20 bits con tres canles e funcións de enfoque, exposición e balance de brancos asistidas por IA. Entre as novidades destaca Night Vision 3.0, que permite gravación en condicións de baixa luz a 60 fotogramas por segundo, e Snapdragon Audio Sense, capaz de rexistrar son HDR eliminando ruídos de fondo sen necesidade de micrófonos externos.
A intelixencia artificial é outro dos piares da proposta. O renovado Hexagon NPU incrementa o rendemento nun 46 %, traballando en coordinación co Qualcomm Sensing Hub, que introduce experiencias axénticas capaces de aprender e adaptarse ás preferencias do usuario. Isto tradúcese en recomendacións personalizadas e interaccións máis naturais, incluíndo a posibilidade de activar o asistente simplemente levantando o teléfono, sen empregar palabras de activación.
No ámbito da conectividade, o Snapdragon X80 5G Modem-RF ofrece velocidades de descarga de ata 10 Gbps e subida de 3,5 Gbps, con soporte para seis antenas e tecnoloxías de baixa latencia. En paralelo, o sistema FastConnect 7900 integra Wi-Fi 7, Bluetooth 6.0 e Ultra Wideband, cun aforro enerxético do 40 % respecto á xeración anterior e solucións de localización avanzadas.
Qualcomm tamén reforza o apartado de xogos con Snapdragon Elite Gaming, que incorpora técnicas como Mesh Shading e Variable Rate Shading automático, pensadas para optimizar recursos gráficos e achegar experiencias de calidade de consola ao móbil.
Con este lanzamento, a compañía busca consolidar a súa posición no segmento de dispositivos insignia, ofrecendo unha plataforma que combina rendemento, eficiencia e capacidades multimedia avanzadas, ao tempo que prepara o terreo para a adopción de 5G-Advanced e Wi-Fi 7 en mercados globais.