Preto dun cento de voces expertas en toponimia xúntanse na VI xornada da comisión especializada de nomes xeográficos
xoves, 21 de setembro do 2023
O secretario
xeral de Política Lingüística, Valentín
García, participou esta mañá na apertura da VI Xornada da Comisión
Especializada de Nomes Xeográficos, organizada pola propia Comisión
Especializada de Nomes Xeográficos (CENG), organismo dependente do Instituto
Xeográfico Nacional (IGN). O evento, que conta coa colaboración da Xunta de
Galicia e da Real Academia Galega, reúne durante toda a xornada de hoxe preto
dun cento de persoas do sector da toponimia e da cartografía para tratar a
estreita relación existente entre os nomes xeográficos e o mundo dixital.
O representante
da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importancia
“da toponimia para nomear os nosos lugares e deixar mostra dos asentamos
humanos no espazo físico”. Ademais, Valentín García resaltou o éxito da
plataforma colaborativa Galicia Nomeada, posta en marcha polo Goberno galego e
a Real Academia Galega no 2019. “É un referente na colaboración entre as
administracións públicas e a cidadanía na salvagarda do patrimonio inmaterial
toponímico cunha base integramente dixital que, a día de hoxe, recibe achegas
de 3.200 cidadáns de forma altruísta, acumulando máis de medio millón de
topónimos xeolocalizados e dispoñibles para consulta”.
No acto
inaugural, que acolleu a Cidade da Cultura, sede da xornada, tamén participaron
o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a presidenta da
Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, María Pardo, e a secretaria do
Consello Superior Xeográfico, Mónica Groba.
Os nomes xeográficos e o mundo dixital
O fío condutor
desta xornada é a posta en común dos traballos que, desde o Instituto
Xeográfico Nacional, se están levando a cabo en colaboración coas comunidades
autónomas para elaborar o Nomenclátor Xeográfico de España adaptado á normativa
europea, onde cada topónimo que forma parte desta cartografía dixital debe
estar normalizado seguindo uns criterios comúns para todos.
No que respecta
aos relatorios, a xornada está dividida en tres sesións, cada unha delas
dividida en tres relatorios diferentes. O primeiro deles, que puxo en marcha a
xornada tras o acto inaugural, foi o de Angélica Castaño Suárez, do Instituto
Xeográfico Nacional. De seguido foi a quenda de Vicente Feijoo Ares, da Real
Academia Galega, que falou dos catro proxectos que se están desenvolvendo
actualmente en Galicia arredor da toponimia galega, facendo especial fincapé na
plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
Pechou a primeira
das dúas sesións da mañá Oihana Mitxelena, da Deputación Foral de Gipuzkoa,
quen falou do grande reto que supuxo a automatización da rotulación dos nomes
de lugar dentro da xeración de cartografía automática do IGE.
Tras a pausa,
retomou a xornada Maite Mollà Villaplana, da Acadèmia Valenciana de Llengua,
cun relatorio arredor da elaboración da segunda edición de Directrices
tiponímicas de uso internacional para editores de mapas, cartas náuticas e
outras publicacións. Seguidamente, Mª Natalia Fojo Díaz, do Instituto Nacional
de Estatística, abordou as innovacións na publicación da estatística
Nomenclátor: Poboación do Padrón Continuo por unidade poboacional.
A sesión da mañá
pechouna Marcos F. Pavo López, do Instituto Xeográfico Nacional, co seu
relatorio A toponimia en mapas antigos como ferramentas para trazar a súa
liñaxe: a transmisión do topónimo Elcano na cartografía dos séculos XVI-XVII.