Presentan unhas lentes con Linux, pantalla e batería intercambiable
martes, 16 de xuño do 2026
A empresa estadounidense Raven Resonance presentou oficialmente as súas novas lentes Raven Prism durante a feira AWE 2026, que se celebra entre o 16 e o 18 de xuño en Long Beach (California). O dispositivo, que definen como un «ordenador ambiental», busca diferenciarse da crecente oferta de lentes conectadas mediante unha combinación pouco habitual de autonomía, privacidade e apertura para desenvolvedores.
O elemento máis rechamante de Raven Prism é o seu sistema de baterías intercambiables en quente, unha solución que permite substituír a batería sen apagar o dispositivo nin interromper as aplicacións en execución. Este mecanismo pretende resolver unha das limitacións máis frecuentes deste tipo de dispositivos: a autonomía durante xornadas completas de uso.
As lentes funcionan con RavenOS, un sistema operativo propio baseado en Linux de 64 bits. Incorporan unha pantalla LCoS a cor proxectada mediante unha guía de ondas monocular situada diante do ollo dereito, ademais dun sistema integrado de seguimento ocular que permite interactuar coa interface sen necesidade de empregar as mans.
O equipamento complétase cunha cámara integrada que incorpora un indicador luminoso visible cando está activa e tamén unha tapa física para bloquear a captación de imaxes. A privacidade constitúe un dos principais argumentos do produto: os datos do control ocular procésanse localmente e ningunha información do usuario abandona o dispositivo sen consentimento explícito. Tamén se indica que as funcións de intelixencia artificial están deseñadas para executarse localmente sempre que sexa posible, reducindo a dependencia de servizos na nube.
A diferenza doutras lentes intelixentes que dependen dun teléfono móbil para boa parte do procesamento, Raven Prism funciona de maneira autónoma grazas a un procesador ARM de catro núcleos e 64 bits integrado no propio dispositivo. Haberá varias configuracións de memoria RAM e compatibilidade nativa con aplicacións Linux ARM64, incluíndo acceso mediante SSH.
Esta orientación cara á apertura tamén se reflicte no software. O dispositivo prevese que chegue ao mercado con máis de 25 aplicacións preinstaladas e acceso de baixo nivel ao sistema operativo. O obxectivo é atraer desenvolvedores, creadores, profesionais técnicos e clientes empresariais que busquen unha plataforma máis flexible que as alternativas dominantes.
Thomas Suarez, cofundador e director executivo de Raven Resonance, sostén que a informática persoal está a evolucionar cara a modelos nos que a tecnoloxía permanece dispoñible de forma constante pero discreta. Nesa liña, define Raven Prism como «un potente ordenador Linux controlado coa vista e centrado na privacidade que adopta a forma dunhas lentes».
O lanzamento comercial está previsto para finais de 2026. Polo momento non se comunicaron detalles sobre o prezo, a dispoñibilidade nin os programas específicos para desenvolvedores.
Vídeo no que dan conta do potencial das futuras lentes de Raven Resonance
