Presentadas as tres primeiras ferramentas de Nós: un tradutor, un recoñecedor de voz e unha aplicación que le na nosa lingua

luns, 5 de xuño do 2023 S. P.

Presentación das ferramentas do Proxecto Nós celebrada este luns 5 de xuño/Fotos de Santi Alvite

O Proxecto Nós, integrado pola Xunta (Consellería de Cultura e Educación, Secretaría Xeral de Política Linguïstica), o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o centro CiTIUS da USC, celebrou este luns 5 de xuño a presentación dos detalles das súas tres primeiras ferramentas: ferramentas destinadas a facilitar a integración da lingua galega no ámbito da Intelixencia Artificial e das tecnoloxías disruptivas. O encargado de dar a coñecer os proxectos foi o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. Trátase, dixo, “de 3 aplicacións sen precedente en Galicia que permitirán a interacción en lingua galega entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos”.
No acto, que tivo lugar no edificio Fontán da Cidade da Cultura, sede do Proxecto Nós, tamén participaron o reitor da USC, Antonio López; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Senén Barro; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández.
O titular de Cultura e o reitor referíronse en concreto ao primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, ao recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e á aplicación de síntese de voz que, a partir dun texto, é quen de ler en lingua galega. Rodríguez lembrou que un exemplo das aplicacións desta última ferramenta xa se puido ver no anuncio institucional que a Xunta lanzou polas Letras Galegas 2023, onde “presentamos a primeira locución da historia en lingua galega xerada por Intelixencia Artificial grazas ás capacidades desta iniciativa”, indicou Román Rodríguez, engadindo que o tradutor xa se atopa dispoñíbel e que os outros dous recursos tecnolóxicos estarano en breve para calquera persoa, empresa ou proxecto, que poderán empregalos de maneira gratuíta. Segundo fixo saber, “permitirán non só reforzar a proxección exterior do galego, senón tamén a expansión económica do lingua como vehículo de comunicación nos mercados globais”.
Próximos obxectivos
No acto sinalouse tamén que o Goberno galego e a Universidade de Santiago de Compostela “continuarán traballando na recompilación de voces que reflictan a gran variedade fonética e dialectal que existe por toda Galicia”, o que permitirá seguir mellorando os modelos de ferramentas actuais, ao tempo que se desenvolverán novos modelos multilingües en cooperación cos proxectos equivalentes a Nós para o resto de linguas do Estado. Ademais, “queremos fortalecer as aplicacións que se farán en eidos como o sanitario, o educativo, o asistencial...” concluíu o titular de Cultura.
Nós
Impulsado inicialmente pola Xunta e a Universidade de Santiago, o Proxecto Nós, que foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua, “supón o maior investimento directo na promoción do galego de toda a historia de Galicia”, explicou Rodríguez.
A este traballo a prol da inclusión da lingua galega no mundo dixital e das tecnoloxías súmanse outras accións impulsadas ou apoiadas polo Goberno galego como son a opción de configurar en galego tanto a aplicación musical Spotify como o novo modelo de calculadoras ClassWiz de Casio, así como os acordos con plataformas audiovisuais como Netflix ou Amazon Prime para incluír títulos dobrados ou subtitulados nas linguas cooficiais.

PUBLICIDADE