Pedro Blanco salienta os esforzos da Coruña por converterse na capital española da IA

luns, 18 de setembro do 2023 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou este luns 18 a cidade da Coruña e reuniuse coa alcaldesa Inés Rey para avaliar o resultado dos investimentos realizados polo Executivo encamiñados á transformación da cidade e a súa contorna: unha transformación que aposta pola sustentabilidade, o accesíbel, o inclusivo e, tamén, o dixital. Blanco cifrou en preto de 560 millóns de euros os investimentos que está a mobilizar o Goberno de España para facelo realidade.
Así o manifestou diante da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, durante a primeira visita institucional que fixo ao Pazo de María Pita. Neste encontro, no que o delegado estivo acompañado pola subdelegada do Gobierno na Coruña, María Rivas, repasou coa alcaldesa os proxectos que impulsan distintos ministerios na cidade, así como os retos conxuntos máis inminentes.
No plano estritamente tecnolóxico, Blanco subliñou o traballo conxunto do Gobierno e o Concello para “converter á Coruña en capital española da Intelixencia Artificial e a tecnoloxía”. Ao seu xuízo, trátase dunha sintonía entre administracións que se manifesta na posta en marcha da sede da Axencia Española da Intelixencia Artificial, na que están a traballar ambas as entidades de acordo co estatuto da AESIA, aprobado o pasado mes de agosto.
Xunto á AESIA, o delegado engadiu a esta liña de traballo a cooperación na Cidade das TIC, tanto na súa orixe, coa cesión gratuíta dos terreos para instalar este polo tecnolóxico, como na súa dotación. Así, lembrou que o Goberno financia o novo centro de produción audiovisual que contratou a Deputación da Coruña neste emprazamento.