Pecha o estudio detrás de Concord

martes, 29 de outubro do 2024 Marcus Fernández

O fracaso do xogo Concord foi tan estrepitoso que dende PlayStation decidiron pechar os seus servidores 2 semanas despois do seu lanzamento, devolvendo os cartos a todos os compradores, e facendo como se o xogo non existise, pese a que se rumorea que durante os seus 8 anos de desenvolvemento se fixo un investimento total de 400 millóns de dólares, polo que sería un dos videoxogos máis caros da historia (probablemente só superado por Star Citizen).
Aínda que quedaba a esperanza de que puidesen recuperar o xogo reformulándoo dalgún xeito, as últimas informacións dan a entender que non será así, pois os traballadores de Firewalk Studios veñen de recibir un comunicado de Hermen Hulst, un dos máximos responsables da división de videoxogos de Sony, indicando que tras explorar as disitntas opcións para aproveitar o grande traballo realizado con Concord non atoparon outra saída que cancelar definitivamente o proxecto e pechar o estudio.
Non estamos ante o único peche comunicado por Sony, pois a compañía tamén fará desaparecer a Neon Koi, un estudio destinado á creación dun xogo de acción para dispositivos móbiles que sería de grande presuposto e terían cancelado antes incluso do seu anuncio.
Estes movementos dan a entender que Sony aprendeu a lección de que explorar novos xéneros no mundo dos videoxogos non é tan doado como pensaban, e os riscos de moverse amodo nun mercado que non para de cambiar son demasiado elevados.