Patrimoniogalego.net presenta versión para teléfonos móbiles gratuíta

venres, 28 de novembro do 2025 S. P.

Patrimoniogalego.net, o maior catálogo social en liña dos bens culturais de Galicia, presentou nesta recta final de novembro unha importante novidade: unha versión para teléfonos móbiles gratuíta á que se pode acceder desde o propio sitio, co “obxectivo de dotar os cidadáns dunha ferramenta para explorar e coñecer a riqueza e densidade das paisaxes culturais de Galicia”, informou o equipo responsable da plataforma, engadindo que a app dá acceso a máis de 600.000 elementos materiais e inmateriais do noso patrimonio cultural, comezando polos 14.000 bens materiais rexistrados na propia web, dos que se ofrece información estendida.
Ademais, para facilitar o contexto e a interpretación do territorio, as fichas de Patrimoniogalego.net compleméntanse coa localización dos máis de 75.000 elementos do Inventario do Patrimonio Cultural catalogados pola Xunta de Galicia e os máis de 520.000 topónimos consignados no proxecto Galicia Nomeada da Real Academia Galega e tamén da administración autonómica.
Explican dende a plataforma que a ferramenta foi concibida como unha progressive web app (PWA) e que se pode empregar desde os ordenadores de sobremesa, aínda que está especialmente deseñada para os móbiles, ofrecendo unha experiencia de interacción co patrimonio fundamentada na experiencia dos catalogadores de Patrimoniogalego.net.
“Deste xeito, permite navegar filtrando resultados por tipos de bens, suxire ao usuario bens visitables preto da súa localización, accede a capas LiDAR de relevo, fundamentais para comprender e visitar sitios arqueolóxicos e descubre a rica microtoponimia que rodea os bens culturais de Galicia”, sinalan, destacando que un dos aspectos máis rechamantes é o modo de realidade aumentada, que permite aos usuarios descubrir os elementos próximos do patrimonio cultural en dúas vistas: Preto, para localizar elementos inmediatos na súa contorna, ou Lonxe, concibido para as exploracións desde miradoiros, nos que se localizan a 20 quilómetros diferentes elementos. O modo de realidade aumentada axuda a comprender as múltiples capas culturais de Galicia.
O sistema incorpora tamén tecnoloxías de intelixencia artificial que complementan a información proporcionada polas fichas dos catalogadores, ofrecendo análises do contexto xeográfico, cultural e patrimonial nos que se atopan os bens. O obxectivo é comprender os bens do patrimonio cultural galego dentro da densa e rica paisaxe galega e deste xeito contribuír a ter unha percepción integral da relación entre cultura, historia e territorio. 
Descarga das fichas dos últimos bens culturais introducidos
Por último, a app permite descargar as últimas entradas introducidas en Patrimoniogalego.net, un proxecto que botou a andar en 2011 da man dun grupo interdisciplinar de profesionais. Coordinado polo profesor e divulgador Manuel Gago, quen tamén é o responsable de desenvolvemento da aplicación móbil, o catálogo conta con varios editores de contidos, que son subidos polas persoas usuarias. Ao longo destes anos, o proxecto non deixou de avanzar e de medrar grazas á introdución de milleiros de fichas dende toda a xeografía galega, cunha hospedaxe de web xentileza de Dinahosting.