PNY presenta tarxetas de memoria preparadas para Nintendo Switch 2

mércores, 21 de maio do 2025 Redacción

PNY Technologies vén de anunciar o lanzamento das súas novas tarxetas de memoria PNY microSD Express, unha solución de alto rendemento deseñada especificamente para dispositivos como a Nintendo Switch 2, pois respecta o estándar microSD Express.
A tecnoloxía microSD Express baseada en PCIe Gen3 x1 permite que estas novas tarxetas teñan velocidades de ata 890 MB/s en lectura e 750 MB/s en escritura. Segundo PNY, estas cifras multiplican por máis de catro o rendemento das tarxetas microSD UHS-I actuais, o que se traduce en cargas case instantáneas e unha experiencia de xogo moito máis fluída.
Ademais da velocidade, destacan pola súa compatibilidade. As tarxetas están preparadas para funcionar cos novos dispositivos que incorporan microSD Express, pero tamén son retrocompatibles con consolas e lectores microSD UHS-I e UHS-II. Isto permite ampliar o espazo de almacenamento en sistemas máis antigos sen renunciar á fiabilidade.
Con capacidades de ata 256 GB, estas unidades permiten duplicar a capacidade interna da futura Nintendo Switch 2, facilitando o almacenamento de xogos AAA e acurtando significativamente os tempos de espera entre cargas.
Outro dos puntos fortes da nova microSD Express de PNY é a súa xestión térmica. Inclúe monitorización de temperatura e un sistema intelixente de disipación que asegura un funcionamento estable mesmo en condicións de uso intensivo. Esta característica resulta especialmente relevante en sesións de xogo prolongadas ou en ambientes con altas temperaturas.
En canto á durabilidade, a marca afirma que as tarxetas foron sometidas a probas esixentes e son resistentes á auga, golpes, raios X, temperaturas extremas, desgaste, humidade e mesmo campos magnéticos. As novas tarxetas xa iniciaron a súa comercialización, polo que en breve estarán dispoñibles nos principais puntos de venda.