Os dominios .gal poderanse adquirir por 5 euros até o 11 de outubro

luns, 25 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Co gallo da celebración do Día Europeo das Linguas este mesmo martes os rexistradores dos nomes de dominio da Internet .gal, .cat, .eus e .barcelona lanzan unha promoción conxunta para que calquera interesado poida facerse cun dominio correspondente á súa lingua a un prezo máximo de 5 euros + IVE, estando esta promoción dispoñible até o 11 de outubro.
Os interesados que queiran facerse cun dominio .gal ao prezo da promoción poden acudir aos rexistradores Dinahosting, OpenProvider, Blacknight, cdmon, Netim, Arsys, OVH, Nominacia, Don Dominio, Gandi, Entorno e INWX.
No caso dos dominios para a sociedade e a cultura galegas, os .gal, podemos salientar que actualmente hai uns 6.900 dominios rexistrados. Deste xeito, as entidades que queiran dirixirse á cidadanía galega teñen un vehículo máis acaído que dominios xenéricos. Os dominios .gal axudan así a mellorar a visibilidade da nosas lingua e cultura na Rede, á vez que serven de indicador do compromiso das distintas iniciativas coa nosa sociedade.

PUBLICIDADE