Os cursos TIC impulsados polo Concello de Lugo centran a demanda formativa da cidadanía

martes, 26 de xaneiro do 2021 Pedro Pérez

Os cursos online homologados pola Fundae que promove o Concello de Lugo xa contan con máis de 200 persoas inscritas. O Executivo municipal asinou un acordo coa entidade Foro de Formación y Ediciones para ofrecer formación en liña gratuíta á cidadanía.
En menos dun mes, rexistráronse un total de 203 inscricións. Os cursos van enfocados a diferentes sectores como: metal, alimentación, agricultura, gran distribución e actividades medioambientais. A maior demanda foi a dos cursos relacionados coas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), e por sectores, destaca a alimentación e o medio ambiente.
Cada persoa pode realizar un máximo de 180 horas de formación, repartidas en diferentes cursos, ou ben un único curso de 200 horas. En cursos relacionados coas TIC o número máximo de horas a realizar será de 120 horas.
Unha vez rematada a formación, os alumnos serán acreditados co título que lles recoñece que fixeron a formación e superaron as diferentes probas. A planificación das actividades é mensual, e as persoas interesadas en realizar a formación deberán cubrir o formulario que poderán atopar na páxina web do Concello.