Os Centros de Empresas da Coruña favorecen a incorporación de seis novos proxectos innovadores en menos dun mes
mércores, 21 de maio do 2025
O Concello da Coruña destacou a “boa acollida” dunha normativa que flexibiliza os requisitos de acceso e aposta polo apoio ao emprendemento. Trátase dunha modificación da ordenanza que regula o funcionamento dos Centros Municipais de Empresas (CME) da Coruña. Este novo regulamento, sinalou o Concello, xa propiciou que seis novas iniciativas empresariais innovadoras se incorporasen ao espazo de coworking Accede Papagaio nas últimas semanas desde a entrada en vigor da nova normativa.
Este impulso responde á aposta do Goberno de Inés Rey por “reforzar os instrumentos municipais de apoio á creación de emprego e ao emprendemento, mediante medidas que facilitan o acceso aos recursos públicos e promoven a dinamización do tecido produtivo local”.
As modificacións introducidas permiten ampliar os criterios de acceso tanto no Centro Municipal de Empresas da Grela como no espazo coworking Papagaio. A ordenanza estende a condición de nova empresa ata os cinco anos desde a alta censal e incorpora tamén a posibilidade de acceso para empresas en fase de consolidación, cunha antigüidade de entre cinco e dez anos. Ademais, amplíase o tempo máximo de permanencia nos centros ata nove anos, simplifícase o modelo de plan de empresa e elimínase a participación de entidades externas nos procesos de selección, reducindo prazos e axilizando trámites.
A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, destacou que "esta resposta inicial confirma que as modificacións eran necesarias para facer máis accesibles e funcionais os recursos municipais. Os Centros Municipais de Empresas deben ser ferramentas útiles e adaptadas á realidade actual do emprendemento".
As seis novas empresas incorporadas a ACCEDE Papagaio son:
– Balimba, dedicada á fabricación e venda en liña de bixutería.
– Product Experience Designer, especializada en deseño de conceptos e interfaces para aplicacións dixitais.
– Xabarín Eventos y Ocio, centrada na organización de campamentos e actividades de lecer.
– Beta-Lab, dedicada ao desenvolvemento de solucións de Intelixencia Artificial.
– Hui Wang, que ofrece servizos de xestoría administrativa en liña para autónomos e pemes.
– Antelo Abogado, despacho de asesoría xurídica en dereito español e portugués.
Estas iniciativas súmanse ao resto de proxectos xa aloxados nos centros municipais.