O recuncho galego dos videoxogos celebra os seus 4 anos
mércores, 23 de outubro do 2024
O proxecto Recuncho Gamer está a vivir un grande ano, recibindo galardóns como un Premio Youtubeiras e un dos V Premios Mil Primaveras, así como tamén conseguiu que AGalega estrease o seu programa Xogando en galego, e grazas aos esforzos que están a facer Iago Gordillo e as persoas que colaboran con el (Lara Portela, Jon Amil e Ángela Triana, Rita Calvo e Sara Gurdiel), puideron chegar até o día de hoxe, no que celebran o seu 4º aniversario cun directo moi especial.
Este proxecto do que saíron creacións como o documental A Coruña nos videoxogos ou o Dicionario Gamer en galego, non para de renovarse e sorprender con detalles como a retransmisión de varias partidas ao xogo Xesús de Redondela, desenvolvido hai anos na Meninas Jam, que convida a meterse na pel de Xesús, camiñando sobre as augas do estuario de Vigo para defender a pesca tradicional galega destruíndo os barcos que se aproximan arroxándolles pans e peixe. Un título bastante absurdo, pero que é unha boa mostra das moitas descubertas que se realizan dende Recuncho Gamer.
En Recuncho Gamer non só se fala en galego sobre videoxogos de calquera tipo, senón que tamén se fai unha reivindicación da localizacións dos xogos ao galego, realizando un importante esforzo na identificación de títulos que están traducidos á nosa lingua, para poñelos en valor e que gañen visibilidade ante o público.
O directo de hoxe tamén xogaron entre os participantes desta noite (Iago Gordillo, Lara Portela e Jon Amil) a adiviñar os títulos dunha listaxe de mellores videoxogos dunha plataforma en concreto ou o xogo ao que respondían unha serie de pistas gráficas, completando a emisión cunha curiosidade moi especial: un videoxogo moi especial, creado por Iago Gordillo e Lara Portela (con outra compañeira) como proxecto fin de carreira utilizando a tecnoloxía Adobe Flash. Trátase dunha recreación do Camiño de Santiago feito por un peregrino que ten que ir superando distintos minixogos. Unha mostra máis de que en Recuncho Gamer non paran de sorprender aos seus seareiros incluso tras 4 anos de creación audiovisual.
- Iago Gordillo é o responsable de Recuncho Gamer