O proxecto de cartelería dixital de Ribeira xa recibiu sete ofertas
xoves, 5 de decembro do 2019
A licitación para o
subministro, instalación, conexión, posta en servizo e explotación
do vindeiro Sistema de Cartelería Dixital de Ribeira xa foi
obxecto da presentación dun total de sete ofertas. Este sistema
persegue ofrecer á cidadanía do concello barbanzán información
relevante sobre eventos, municipal e turística por medio de seis
paneis de alta resolución, tres interiores e tres exteriores. A mesa
de contratación está mergullada no proceso de adxudicación deste
contrato, que é dos denominados chave en man, para asegurar
a realización da entrega totalmente equipada e en perfecto estado de
funcionamento. O prezo base de licitación son 116.668’20 euros.
Trátanse de pantallas de información de alta
resolución e gran formato, intelixentes e conectadas online
mediante un reprodutor multimedia de contidos, con capacidade
para transmitir fotos, vídeos, arquivos PDF, son, redes sociais e
páxinas HTML, entre outros. Ademais, estes taboleiros dixitais
estarán controlados mediante unha Plataforma Software de Control e
Xestión de Contidos instalada en cloud, ou sexa na
nube.
Con este sistema preténdese dispoñer dunha canle
de comunicación para transmitir todo tipo de referencias sobre
actividades culturais, campañas, eventos, feiras, lugares de
interese para visitar, etcétera; así como emitir información
procedente da cidadanía coma, por exemplo, actos de asociacións.
Todo indica que os paneis estableceríanse no
interior do Concello, na entrada do mercado municipal e no recibidor
do complexo polideportivo da Fieiteira. No que respecta ao exterior,
colocaranse nas fachadas do Consistorio e da Sala Museo Municipal,
así como no entorno da Oficina Municipal de Turismo.
Así mesmo, as pantallas a subministrar deberán
integrarse coa estética dos edificios e do lugar en que se dispoñan.
Esta iniciativa enmárcase dentro da EDUSI Máis
Ribeira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de
Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo
Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Adscríbese a liña de
actuación deste plan denominada Modernización da Administración e
Smart Village Ribeira.