O proxecto Stellae 5.0 busca aproximar o Camiño á sociedade a través da dixitalización
luns, 4 de decembro do 2023
O Edificio
Fontán da Cidade da Cultura de Galicia acolleu este venres 1 de
decembro a presentación do programa Stellae 5.0, Patrimonio Cultural
Dixital Vinculado ao Camiño de Santiago. Trátase dun proxecto
de participación público-privada para a universalización do
patrimonio cultural. Desenvolverase baixo o lema De moitos para
todos.
Na presentación participaron representantes dos
gobernos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela a León, da
Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo
(CRUSOE), do Clúster TIC de Galicia, do Clúster Audiovisual de
Galicia e da firma tecnolóxica NTT Data. Tamén participou, pola
Universidade de Santiago, a vicerreitora de Titulacións e
Internacionalización, María José López Couso, en presentación do
reitor da USC, Antonio López.
Segundo fixeron saber, o obxectivo principal de
Stellae 5.0 é “impulsar a reactivación económica e a xeración
de emprego aproveitando recursos do patrimonio cultural do sur de
Europa e, en particular, os vinculados ao Camiño de Santiago”.
Todo a partir do coñecemento universitario para poñer en valor o
patrimonio cultural da macrorrexión e, a través da dixitalización,
promover a súa universalización e favorecer a súa conservación.
No evento, os representantes das comunidades de
Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León impulsaron un marco de
colaboración para a consecución do financiamento necesario que lles
achegue valor engadido ás políticas establecidas por cada unha das
comunidades autónomas no ámbito da dixitalización do patrimonio
cultural. Deste xeito, estableceuse explorar vías para a obtención
de recursos a través do desenvolvemento de proxectos de cooperación
baixo os programas e iniciativas existentes.
O primeiro obxectivo do programa é o
desenvolvemento das accións pertinentes ante o Ministerio de
Economía e a Secretaría de Estado responsábel da xestión dos
fondos europeos Next Generation destinados á transición dixital da
economía, para a captación de dezaseis millóns de euros cos que
poder xerar os primeiros casos prácticos na dixitalización
(xemelgos dixitais), a formación e o emprendemento, que
complementen, amplíen e se coordinen coas políticas que desenvolven
os catro gobernos autonómicos. Tamén terá como obxectivo
incrementar a rede de entidades participantes no proxecto e
establecer unha canle aberta de comunicación entre as entidades.