O obradoiro coruñés Polisemias acollerá un taller intensivo sobre redes sociais

mércores, 17 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Polisemias, o obradoiro de escritura da cidade vella da Coruña, está a presentar estes días novas actividades a engadir ao seu programa, algunha delas moi relacionada coas cuestións que tratamos en Código Cero. Máis polo miúdo, dende o taller literario advirten de que xa está aberto o prazo de inscrición para participarmos nos obradoiros de novela negra, coaching (adestramento para novos literatos) e redes sociais. O primeiro deles virá da man de Xabier López, Premio da Crítica España pola súa obra A vida que nos mata, que impartirá unha actividade formativa fornecendo ferramentas básicas para manexar as claves principais do xénero.
O segundo corre a cargo de Aïnhoa Mallo, e servirá entre outras cousas para aprendermos a sortear atrancos no vieiro de tirarlle o máximo partido á inspiración. O terceiro, o que de verdade nos ocupa, é como dixemos un obradoiro de novas ferramentas e servizos sociais, con feitura de achega formativa intensiva, a impartir por Paco Gallego Guisán, un especialista no emprego e na xestión de comunidades 2.0, tal e como o teñen certificado múltiples publicacións internacionais. No obradoiro, amosará como facer un emprego comercial e profesional das redes sociais, tipo Facebook ou Twitter, entre outras. A actividade desenvolverase os xoves vindeiros (do 9 de maio ao día 30) de 18 a 20 horas. Os interesados en participar poden formalizar a inscrición a través de hola@polisemias.com ou ben chamando ao teléfono 881251219. Ademais das devanditas cuestións, trataranse os seguintes temas: filosofía da Rede, comunicación 2.0, privacidade e alcance da mesma, creatividade nas redes, proactividade, como divulgar un texto, emprego literario das redes, mentiras e medias verdades sobre elas, etc.