O grupo Neurocom achéganos a neuroloxía a través de Cafés científicos
luns, 1 de outubro do 2007
Co obxectivo de achegar a neuroloxía ó público de xeito ameno, o grupo de investigación Neurocom (Unidade de Neurociencia e Control Motor) da Universidade da Coruña está a organizar unha serie de Cafés científicos nos que participan os investigadores Casto Rivadulla e Xurxo Mariño xunto con diversos actores recoñecidos na nosa terra.
As reunións teñen lugar en distintas localidades galegas e á realizada en Allariz o pasado 28 de setembro seguiralle unha en Foz (no bar do Centro Social), o vindeiro 5 de outubro, e outra o 19 de outubro na Cantina Galopín, en Lalín.
O devandito grupo Neurocom, dependente do departamento de Medicina da UDC, dedica a súa investigación ao estudo do funcionamento do sistema nervioso e entre as súas liñas principais de análise destacan “o control motor na enfermidade do Parkinson, os mecanismos do sono ou o papel do óxido nítrico na vía visual”.