O co-fundador de BlaBlaCar pecha a primeira edición da incubadora High Tech Auto en Vigo

xoves, 24 de marzo do 2022 Anxo Sesto

Vicent Rosso, co-fundador de BlaBlaCar e CEO de Consentio, unha app de vehículos compartidos e de froitas e hortalizas, respectivamente, vén de pechar coa súa intervención a primeira edición da incubadora do sector da automoción HighTech Auto, na sede da Zona Franca de Vigo.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades; e o director da Área de competitividade do Igape, Norberto Penedo Rey; entregaron os diplomas aos proxectos que chegaron ata o final do proceso. Tamén indicaron que “hai outras tres edicións en marcha e que os incubados que rematan a primeira edición aínda contades con 12 meses máis se o considerades necesario para o voso proxecto coa post incubación”.
High Tech Auto é a primeira incubadora de España que está especializada no sector da automoción e mobilidade. A participación nesta incubadora é unha oportunidade para transformar ideas e proxectos empresariais que se atopan nas primeiras fases da creación. O programa combina servizos de asesoramento, obradoiros de internacionalización, espazos de coworking, salas para as reunións, un autolab equipado para a creación de prototipos... Na actualidade, a HTA está apoiando a 54 emprendedores, constituíronse 12 empresas, creáronse 7 prototipos e establecéronse contactos con 3 entidades bancarias e 2 fondos de capital de risco. O programa da HTA conta cun orzamento de case 2 millóns de euros do cales o 60% é asumido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e o 40% polo IGAPE.
Para a primeira metade do 2022 vaise consolidar a primeira fase do Autolab I e a Área de Prototipado Rápido (3D); e para a segunda metade do ano, poñerase en marcha a contratación pública do Autolab da fase II para complementar o Autolab I.