O Samsung Galaxy Z TriFold venderase en Corea este mesmo mes

martes, 2 de decembro do 2025 Redacción

Samsung Electronics anunciou en Corea o lanzamento do Galaxy Z TriFold, un dispositivo que redefine o concepto de teléfono conectado ao introducir un deseño de dobre pregamento que permite despregar unha pantalla principal de 10 polgadas (tamaño propio dunha tableta). Estamos ante o cumio dunha década de investigación en tecnoloxías encartables, cunha aposta clara pola produtividade e a integración da intelixencia artificial no ecosistema móbil.
O Galaxy Z TriFold destaca por un perfil extremadamente delgado (apenas 3,9 mm no seu punto máis fino, e 12,9 milímetros cando está completamente encartado) e un peso de 309 gramos. Funciona cun procesador Snapdragon 8 Elite Mobile Platform for Galaxy, fabricado en 3 nm, acompañado de ata 16 GB de memoria RAM e opcións de almacenamento de 512 GB ou 1 TB. A batería, de 5.600 mAh, distribúese en tres celas situadas en cada panel para equilibrar a entrega de enerxía, con carga rápida de 45 watts e carga sen fíos de 15 watts.
A nivel estrutural, Samsung introduciu a versión máis avanzada da súa Armor FlexHinge, con dúas bisagras de tamaño diferente e un deseño de dobre raíl que garante estabilidade e minimiza o espazo entre paneis. O exterior combina unha carcasa de titanio para protexer o mecanismo de pregamento, un marco de Advanced Armor Aluminum que achega rixidez sen engadir volume, e un panel traseiro de polímero reforzado con fibra cerámica e vidro, pensado para resistir impactos e evitar fisuras.
A pantalla principal é unha Dynamic AMOLED 2X de 10 polgadas con resolución QXGA+ (2160 x 1584), brillo máximo de 1600 nits e refresco adaptativo de ata 120 Hz. A pantalla exterior, de 6,5 polgadas FHD+, alcanza os 2600 nits de brillo e comparte a mesma tecnoloxía. Ambas foron reforzadas cunha capa de protección contra impactos e optimizadas para reducir ao mínimo a marca do pregamento. O dispositivo conta ademais con certificación IP48, que garante resistencia á auga en inmersións de ata 1,5 metros durante 30 minutos.
No apartado fotográfico, incorpora unha cámara principal de 200 Mpíxeles con estabilización óptica e tecnoloxía Adaptive Pixel Sensor, acompañada dunha ultra gran angular de 12 Mpíxeles e un teleobxectivo de 10 Mpíxeles con zoom óptico 3x e zoom dixital ata 30x. As cámaras frontais, tanto na pantalla principal como na exterior, son de 10 Mpíxeles.
O Galaxy Z TriFold está deseñado para maximizar a produtividade. A súa pantalla pode funcionar como tres paneis de 6,5 polgadas simultáneos, permitindo executar ata tres aplicacións en paralelo. Ademais, é o primeiro móbil con Samsung DeX autónomo, capaz de xestionar ata catro escritorios con cinco aplicacións cada un, e de expandirse a un monitor externo en modo dual. A integración de Galaxy AI potencia funcións como Photo Assist, edición xerativa e recomendacións contextuais mediante Gemini Live, que aproveita a multimodalidade para responder a preguntas sobre contido visual ou textual sen cambiar de aplicación.
Samsung sitúa este modelo como un dispositivo versátil para traballo, creatividade e consumo multimedia. A pantalla principal ofrece unha experiencia cinematográfica portátil, con soporte para reprodución fluída a 120 Hz e optimización de cor mediante Vision Booster.
O Samsung Galaxy Z TriFold estará dispoñible a partir do 12 de decembro en Corea a un prezo de 3.594.000 wons (2.106 euros), seguido de mercados como China, Taiwán, Singapur, Emiratos Árabes Unidos e Estados Unidos. 

Vídeo no que Samsung presume da resistencia dos seus encartables