O Realme 13 Pro+ 5G achega grandes sensores fotográficos a un prezo axustado

martes, 30 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Realme permite dende hoxe adquirir na India o seu novo Realme 13 Pro+ 5G, un smartphone moi interesante para usuarios que buscan un smartphone cun aspecto moi coidado e cunha cámara de grande calidade a un prezo moi contido.
Falamos dun móbil que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 7s Gen 2 5G, con 8/12 GB de RAM, 256/512 GB de almacenamento, pantalla OLED Full HD+ de 6,7 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz e un brillo pico de até 2.000 nits, lector de impresións dixitais integrado na pantalla, conectividade 5G dual, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.2, altofalantes estéreo, resistencia IP65 e unha xenerosa batería de 5.200 mAh con carga rápida de 80 watts.
No apartado fotográfico pode presumir dunha cámara principal Sony LYT-701 con estabilización óptica e 50 Mpíxeles, un ultra grande angular de 8 Mpíxeles e unha cámara periscópica (cunha distancia focal equivalente a 73mm, ou sexa, un zoom óptico de 3x, orientado a fotografías de retrato de calidade) cun sensor Sony LYT-600 de 50 Mpíxeles. A súa cámara frontal queda nuns modestos 32 Mpíxeles.
Na súa oferta de lanzamento o Realme 13 Pro+ 5G pode adquirirse por 29.999 rupias (331 euros) na súa versión con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento; o modelo con 12 GB de RAM incrementa o seu prezo até as 31.999 rupias (353 euros); e a versión con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento venderase a 33.999 rupias (375 euros). Estarán dispoñibles en cor dourada ou verde esmeralda. Confíase en que cheguen en breve a España a un prezo inferior aos 500 euros.

O Realme 13 Pro+ 5G destaca por contar con sensores Sony de 50 Mpíxeles na súa cámara principal e no seu teleobxectivo