O Museo de Pontevedra publica na súa web un mapa interactivo sobre o SEG nas terras do Deza

martes, 5 de decembro do 2023 S. P.

O Museo de Pontevedra puxo na Rede, a disposición da cidadanía, as transcricións dos cadernos de Xosé Filgueira Valverde e Sebastián González García-Paz sobre o patrimonio artístico de 70 parroquias de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Entre a documentación do Seminario de Estudos Galegos (SEG) que conserva o Arquivo do Museo de Pontevedra atópanse varios cadernos e notas soltas con apuntamentos recollidos por Xosé Filgueira Valverde e Sebastián González García-Paz durante as xeiras de Deza, as saídas conxuntas pola comarca que fixeron os membros do Seminario entre 1928 e 1935. A transcrición destas anotacións está agora dispoñíbel para a cidadanía nunha sección na web do Museo.
O espazo web conta cun mapa interactivo a través do cal é posíbel navegar polas 70 parroquias ás que se refiren as notas que se conservan no museo. Son 47 de Lalín, 9 de Vila de Cruces, 6 de Agolada, 5 de Rodeiro, 2 de Silleda e 1 de Dozón. Na páxina de detalle de cada parroquia, atópase unha pequena introdución sobre o paso dos membros do Seminario de Estudos Galegos, unha galería de imaxes con fotografías e debuxos realizados polos seminaristas, e un documento en PDF coa transcrición das notas de campo tomadas por Filgueira e González.
O contido do espazo web complétase cun buscador para acceder á base de datos das transcricións e unha páxina de artigos relacionados co Seminario de Estudos Galegos. Este repositorio, que segundo confirman fontes do Museo “irá medrando nos próximos meses”, conta neste momento cun artigo de María Jesús Fortes Alén sobre o “misterio” da manipulación dunha das fotos máis coñecidas dos membros do Seminario; dous estudos que acompañan a edición facsimilar de Romance de unha fatal ocasión e Tibi Bastianus Imperator Peruensis editada polo Museo; e un artigo coa transcrición, a cargo de Eva Pena Rodríguez, das actas do SEG entre 1923 e 1926.
A publicación deste espazo web forma parte da ampla programación coa que o Museo de Pontevedra celebra o centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos. As actividades arrancaron en setembro, cando se realizaron dúas saídas a castros de Silleda e Lalín e ao mosteiro de Carboeiro, respectivamente, lembrando as xeiras á comarca de Deza. En outubro, o Museo organizou unha xornada de conferencias sobre o papel de Pontevedra e os pontevedreses dentro do Seminario. Xa en novembro celebrouse unha xornada sobre o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae, de Ramón Sobrino Buhigas, obra de referencia da arqueoloxía galega publicada polo SEG en 1935.
A última acción conmemorativa foi a publicación en edición facsimilar de dous romances inéditos de 1935: o Romance de unha fatal ocasión, que os seminaristas dedicaron a Castelao, e o Tibi Bastianus Imperator Peruensis, que dedicaron a Sebastián González García-Paz.