O MacBook Air renóvase e incorpora o procesador M2

luns, 6 de xuño do 2022 Marcus Fernández

No marco da conferencia para desenvolvedores de Apple, a WWDC, a compañía da mazá presentou o novo MacBook Air, que como principal novidade ten a incorporación dun procesador M2 (que promete unha mellora de rendemento do 18% na CPU e do 35% na GPU), aínda que para moitos usuarios resultará máis relevante que o novo equipo teña pantalla Liquid Retina de 13,6 polgadas, cámara FaceTime HD a 1080p (integrada nunha pestana superior en pantalla), sistema de audio con 4 altofalantes, batería con até 18 horas de autonomía e carga con MagSafe (sendo posible facerse cun cargador de 67 watts que permite completar o 50% de carga en só 30 minutos).
Con esta actualización o MacBook Air pasa a contar cunha CPU de 8 núcleos e unha gráfica con 10 núcleos, así como coa posibilidade de configurarse con até 24 GB de memoria unificada, de xeito que pode competir con moitos equipos dirixidos a o público profesional á vez que conserva detalles que o fan notable como o seu grosor de 11,3 milímetros e o seu peso de 1,2 quilogramos, que xunto á resistencia da súa carcasa de aluminio conforman un ordenador extraordinariamente portátil.
Por desgraza, a renovación deste equipo vén acompañada por unha revisión de prezos á alza, custando o modelo con 8 GB de RAM, 256 GB de almacenamento e gráfica con 8 núcleos 1.519 euros, mentres que o modelo con 512 GB de almacenamento e gráfica de 10 núcleos sube o seu prezo até os 1.869 euros. Incrementar a memoria RAM destes equipos até 16 GB custa 230 euros adicionais e, de querer chegar aos 24 GB, habería que engadir 460 euros ao seu prezo de referencia. En capacidades de almacenamento tamén é posible configurar estes equipos con até 2 TB, ou sexa, que o modelo máis completo superaría os 3 mil euros. Chegarán ao mercado no mes de xullo.

Novo MacBook Pro

O MacBook Pro máis básico, o de pantalla de 13 polgadas, tamén se actualizou para incorporar o novo procesador M2, conservando o seu deseño (incluíndo a polémica Touch Bar), cun prezo de saída de 1.619 euros, polo que o seu prezo estaría moi preto do que terá o MacBook Air.

PUBLICIDADE