O ITG realizará 150 diagnósticos tecnolóxicos gratuítos a empresas galegas
martes, 27 de agosto do 2024
A Oficina AceleraPeme do centro tecnolóxico galego ITG ofrece a 150 empresas da nosa terra a posibilidade de realizar un diagnóstico dixital gratuíto que lles permitirá identificar puntos de mellora nos seus procesos, priorizalos e melloralos coa tecnoloxía máis adecuada en cada caso concreto. As empresas interesadas teñen ata o 31 de outubro para solicitar este servizo a través da web habilitada.
“Nos últimos tres anos realizamos 64 destes diagnósticos cun índice de satisfacción de 9,2 sobre 10 nas enquisas remitidas. Traballamos con empresas xa consolidadas cun alto volume de facturación, pero tamén realizamos o diagnóstico para empresas de nova creación, emprendedores ou autónomos”, explicou David Villar, experto en transformación dixital de ITG, engadindo que o Instituto Tecnolóxico de Galicia conta cunha rede de provedores tecnolóxicos con experiencia en cada caso concreto para achegar a mellor solución en cada diagnóstico. En concreto, os técnicos da oficina Acelera Peme do centro tecnolóxico non só realizan un diagnóstico dixital, senón que tamén informan ás empresas sobre as axudas públicas para a execución de proxectos e póñenas en contacto con provedores tecnolóxicos que dean resposta a cada unha das necesidades.
A primeira fase permite que a empresa analice como se percibe e como evolucionou en ata dez tecnoloxías: presenza e vendas online, plataformas de xestión multicanle, aplicacións dixitais de xestión, Business Intelligence, copias de seguridade na nube, aplicacións de seguridade, plataformas IoT/BigData/IA, tecnoloxías da linguaxe como chatbots ou plataformas de comunicación, tecnoloxías da imaxe como a Visión Artificial ou inmersivas como a Realidade Aumentada ou Virtual.
Nunha segunda fase a empresa debe avaliar, en consenso cos técnicos da Oficina Acelera Peme, cal cre que será o impacto na súa actividade de cada unha desas tecnoloxías nos próximos anos, así como a necesidade que quere abordar en primeiro lugar para alcanzar os seus obxectivos de negocio.
Finalmente, os técnicos da Oficina AceleraPeme de ITG suman ao diagnóstico a opinión da empresa tecnolóxica colaboradora externa con experiencia específica no seu caso concreto. “Trátase dun traballo de colaboración que permite á empresa recibir unha proposta completa e detallada para a necesidade que priorizou”, sinalan dende o instituto.
Nos seus tres primeiros anos de actividade, a Oficina AceleraPeme de ITG levou a cabo 64 diagnósticos en todo tipo de empresas, desde autónomos e emprendedores, a empresas consolidadas cunha longa traxectoria no mercado. Ademais, respondeu a máis de 290 consultas específicas sobre dixitalización e a súa actividade de formación acumula 81 xornadas, en modalidade tanto presencial como en liña, que poden ser consultadas de forma gratuíta na páxina web da oficina.
As Oficinas AceleraPeme postas en marcha en toda España por Red.es contan con financiamento do Programa Operativo Crecemento Intelixente, no marco dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no período de programación 2021-2027.