O Goberno dotará de banda larga 1.301 vivendas e empresas de Taboada

martes, 31 de xaneiro do 2023 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, estivo este martes 31 de xaneiro en Taboada, acompañada do rexedor Ramiro Moure, co obxectivo de comprobar o resultado do proxecto de mellora e modernización do alumeado público exterior en 5 parroquias do municipio, que contou cunha axuda de 92.000€ do Programa DUS5000, xestionado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica. Aproveitou para reafirmar o impulso do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno nos municipios pequenos da provincia de Lugo. “Os fondos europeos están a chegar a todos os puntos do territorio, permitindo a municipios como Taboada desenvolver actuacións sustentábeis en materia de enerxía e dixitalización”, sinalou.
E engadiu: “Grazas á axuda do Goberno os veciños e veciñas destes núcleos rurais do concello de Taboada contan cun alumeado LED, máis sustentábel, respectuoso co medio ambiente e que supón un aforro económico para as arcas municipais”, explicou a subdelegada que destacou que este tipo de proxectos “avanzan no proceso de transición enerxética e na transformación das vilas de xeito responsábel”.
Ademais, explicou que o obxectivo do DUS5000 do Goberno é dar un impulso ao desenvolvemento urbano respectuoso co medio natural mediante proxectos singulares de enerxía limpa, por exemplo proxectos de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas públicas, de fomento dos investimentos verdes e, en particular, do autoconsumo, así como de mobilidade sustentábel.
Xunto coa transición enerxética, a subdelegada avanzou a presenza de Taboada na última convocatoria de dixitalización do territorio que leva a cabo o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través do Programa Único – Banda Larga. “Con fondos do Plan de Recuperación, Taboada contará con conexión a Internet de alta velocidade en practicamente todo o territorio”, confirmou Isabel Rodríguez engadindo que o concello lucense está incluído nos proxectos estatais de dotación de internet superior a 300 Mbps a zonas do municipio sen cobertura. En concreto, o Programa Único permitirá a conexión de alta velocidade de 411 puntos nos que se localizan 1.301 vivendas e empresas de Taboada. “É un antes e un despois para os veciños e veciñas que viven na localidade, así como para as empresas da zona” subliñou a subdelegada que puxo en valor este programa “co que imos chegar a todos os recunchos da provincia porque o consideramos un servizo fundamental para loitar contra o despoboamento e asentar nova poboación nos municipios lucenses”.
Entre as dúas convocatorias do Plan Único, o Goberno inviste na provincia de Lugo 22,5 millóns de euros para levar a tecnoloxía de conexión de alta velocidade a máis de 32.700 vivendas e empresas da provincia.

PUBLICIDADE