O Foro Tecnolóxico de Emprego celebrarase do 3 ao 5 de marzo de forma virtual
venres, 26 de febreiro do 2021
- A estudante Laura Andrés encargouse este ano da coordinación xeral do foro
Xa está todo listo para
a celebración da vixésimo primeira edición do Foro Tecnolóxico de
Emprego da
Universidade de Vigo,
do 3 ao 5 de marzo.
Esta será a primeira vez que se celebre integramente de xeito
virtual debido ás restricións sanitarias provocadas pola pandemia.
Case 40 empresas formarán
parte deste foro, unha cifra moi semellante
a do ano pasado, que marcou un récord de participación con respecto
a anteriores edicións. R, Deloitte, Repsol, Coca-Cola, a
fundación FEUGA,
Imatia e Optare son as entidades más clásicas que se manteñen un
ano máis.
O principal obxectivo desta
edición é manterse como nexo de unión entre o mundo empresarial e
o alumnado,
dando a oportunidade a este último de ampliar os seus horizontes e
de perder o medo a comunicarse cunha empresa. “Unido
a este obxectivo atópase o de trasladar todas as actividades que
teñen lugar no foro presencial ou virtual, demostrando a
versatilidade e fortaleza da organización e a actualización
constante do foro, razóns polas que leva 20 anos de éxito”,
destaca Laura Andrés Hergueda, estudante do Mestrado
en Enxeñaría de Minas e coordinadora desta edición.
Esta edición mantén o ciclo
de obradoiros e
conferencias, así como un vestíbulo virtual onde as empresas
participantes disporán do seu posto para aconsellar a que se achegue
a eles, informar das súas actividades e dos perfís que buscan para
unha futura incorporación e recoller currículos.
O formato virtual deste ano
dará a posibilidade para que empresas ou incluso o alumnado das
enxeñarías de Informática e Aeroespacial do Campus
de Ourense, ou Forestal de Pontevedra poidan asistir sen que o factor
desprazamento sexa un problema.