O Concerto das Letras Galegas poderá verse en directo a través da Rede e a TVG
martes, 10 de maio do 2022
A Biblioteca do Consello de
Cultura Galega acolleu na mañá deste luns 9
de maio a
rolda de prensa dos actos centrais con que o Consello de Cultura
Galega celebra o Día das Letras Galegas deste 2022. A
presidenta, Rosario Álvarez, presentou tanto o tradicional Concerto
das Letras Galegas (que
será emitido en directo a través da TVG e da Internet),
como a publicación de homenaxe: a
publicación
co facsímile do Cancioneiro
da loita galega.
Xunto a ela atopábanse outras personalidades como Víctor Freixanes,
presidente da Real Academia Galega; o autor Xesús Alonso; o voceiro
do grupo Zoar, Álex Salgueiro e a compositora contemporánea Carme
Rodríguez.
Respecto da publicación, a
presidenta argumentou no limiar do libro para a elección do
Cancioneiro da loita galega que “Florencio Delgado Gurriarán
é tamén o activista cultural que pon as súas armas, incluída a
poesía, ao servizo da causa republicana e da causa da cultura
galega”. Este libro foi escrito por Florencio xunto cun grupo amplo
de poetas e foi publicado polo Partido Galeguista en México en 1943.
Por outra banda, o grupo de
cámara Zoar será o encargado desta edición do Concerto das Letras
Galegas. Un dos seus integrantes, Álex Salgueiro, indicou que “está
pensando homenaxear a persoa de Florencio Delgado pero tamén ao
colectivo que formou parte do exilio mexicano”. Por iso, o
programa, que se poderá ver tanto a través da Rede e da TVG o
propio día 17, como indo ao Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras
a véspera, está conformado por pezas que fan referencia explícita
ao homenaxeado e, por “creacións musicais ligadas á diáspora
mexicana”.
En cada edición do Concerto
das Letras Galegas hai unha estrea absoluta a partir dunha encarga do
CCG. Nesta ocasión, a estrea é a peza Diásporas, composta
por Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996).