O CPEIG outorga o Premio TFM en Enxeñaría Informática ao coruñés Íñigo Luis López-Riobóo

luns, 27 de xuño do 2022 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorgará o Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática (no marco da Noite da Enxeñería en Informática que se celebra este 1 de xullo) a Íñigo Luis López-Riobóo Botana. Distinguirao polo seu traballo no desenvolvemento dunha ferramenta de maximización de negocio na plataforma TripAdvisor. A investigación deste enxeñeiro en Informática pola UDC (A Deep Learning Approach to Predict Users’ Preferences Based on Textual Reviews) achega unha ferramenta para a presentación de recomendacións personalizadas baseadas en texto, un proxecto no que o estudante desenvolveu un modelo de aprendizaxe profunda que selecciona, entre as opinións coñecidas de cada restaurante, as que mellor se axustan a cada usuario, personalizando pares (usuario, restaurante) en TripAdvisor.
O modelo aprende das interacción dos usuarios na plataforma para coñecer as súas preferencias de contido. Desta forma, maximiza as probabilidades de que se visiten os restaurantes. Amais, segundo salienta o CPEIG, móstralles os aspectos máis vinculados cos seus gustos. É unha ferramenta de maximización de negocio na plataforma TripAdvisor.
“Os sistemas de recomendación son unha ferramenta moi estendida. Hai múltiples ámbitos de negocio onde se atopan implementados, con exemplos en servicios de streaming de vídeo, servicios multimedia ou compra online, entre outros. Debido a que teñen un gran valor de negocio, son unha ferramenta con importantes aplicacións no mundo empresarial. Son algoritmos que melloran a experiencia dos usuarios, ofrecendo servizos e produtos adaptados a cada persoa atendendo ás súas preferencias. Porén, non existen moitos desenvolvementos centrados na personalización e presentación destas recomendacións, de forma máis transparente e explicábel. Haberá, polo tanto, máis posibilidades de que a un usuario lle guste un restaurante se a forma en que o algoritmo llo mostra está adaptado ás súas preferencias de contido”, explica o enxeñeiro, engadindo que estamos ante “unha ferramenta que personaliza, explica e maximiza o impacto das recomendacións desde a perspectiva de negocio; que emprega unha chea de tecnoloxías diferentes; que xera impacto desde o punto de vista do sector da hostalaría; e que contribúe ás directrices europeas sobre transparencia das decisións dos modelos de aprendizaxe máquina”.
Actualmente, Íñigo Luis López-Riobóo ten posto como investigador predoutoral en formación no programa de Formación de Profesorado Universitario (FPU) do Ministerio de Universidades, adscrito ao Centro de Investigacion TIC (CITIC) e traballa no grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial) da Facultade de Informática da UDC.
Finalistas do Premio TFM
Nesta décimo terceira edición do galardón foron tamén finalistas Daniel Pena Docampo da UDC, que desenvolveu un sistema baseado en scraping para facilitar a compra en liña en supermercados a través do móbil, e José Morano Sánchez da UDC, autor dunha ferramenta de análise automática e visualización de marcadores de diagnóstico vascular sobre retinografía.
O proxecto de Daniel Pena (Betanzos, 1997) consiste na implementación dun web crawler utilizando o framework Scrapy que recolla a información de todos os productos que ofertan os diferentes supermercados nas súas respectivas páxinas, garde toda esta información dunha forma estruturada e xenérica a todos eles en Elasticsearch e, finalmente, no deseño e implementación dunha aplicación móbil Android en Java que permita xestionar todos estes datos de forma rápida e sinxela. Ademais, a aplicación desenvolta ofrece funcionalidades únicas no mercado como son mostrar información detallada dos produtos, mostrar as ofertas de cada supermercado e comparación automática de prezos entre produtos e listas da compra entre supermercados.
O proxecto de José Morano (A Coruña, 1997) consiste nunha ferramenta web de apoio ao diagnóstico de patoloxías oculares. A discapacidade visual é un problema que, na actualidade, afecta a máis de 1.000 millóns de persoas. Algunhas das causas principais son enfermidades como o glaucoma ou a diabetes. Para o seu diagnóstico, explica o CPEIG, “é importante analizar en detalle a vasculatura da retina, o que implica segmentar os vasos sanguíneos retinianos e clasificalos en veas e arterias, así como calcular certos marcadores, como a relación diametral entre arterias e veas”. A pesar da súa relevancia, a realización destas tarefas é pouco habitual, xa que son moi custosas en termos de tempo. Neste traballo proponse unha nova ferramenta web escalábele extensíbel que, mediante técnicas de aprendizaxe profunda, realiza estas tarefas de forma automática, ao tempo que permite aos médicos obter e visualizar facilmente os resultados.

PUBLICIDADE