O CPEIG brinda o seu apoio a Cáritas de Santiago na súa campaña solidaria de Nadal

venres, 28 de novembro do 2025 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) anunciou o seu apoio a Cáritas Interparroquial de Santiago para a súa campaña de Nadal. A través desta colaboración, materializada a través dos colexiados do CPEIG e de empresas tecnolóxicas, o colexio doará ordenadores, tabletas ou móbiles novos.
Cáritas Interparroquial de Santiago presentou a finais de novembro a súa campaña solidaria Agasallos de Nadal 2025. O acto, que se celebrou na súa sede da rúa Hospitaliño, contou coa asistencia de Carlos Juiz, director de Cáritas Interparroquial de Santiago; Noelia del Río, responsable do programa Ventureiros; e Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), entidade que será colaboradora especial nesta edición.
Un ano máis, Cáritas Interparroquial de Santiago pon en marcha a campaña para entregar ás familias que o precisen agasallos de Reis para os menores da casa de ata 17 anos. Carlos Juiz destacou que cada neno pedirá na súa carta aos Reis Magos os tres xoguetes que lle fai máis ilusión e recibirá como mínimo un dos agasallos.
Na campaña de 2024, Cáritas Interparroquial de Santiago atendeu a 179 familias e, en concreto, a 346 nenos, nenas e adolescentes que recibiron dous agasallos por neno sumando máis de 700 xoguetes novos. Carlos Juiz apuntou que este ano prevese que aumenten as cifras. De maneira xeral, explicou que a atención primaria de Cáritas incrementouse este ano nun 35-40 % para temas de alimentación, vestido e vivenda, unha atención facilitada grazas aos máis de 200 voluntarios que colaboran, a maioría mulleres novas. Facendo referencia ao informe FOESSA de Cáritas, Juiz apuntou á clara fragmentación social deste momento, con máis familias vulnerables.
Noelia del Río engadiu que o programa Ventureiros ten como voluntarios a adolescentes de entre 15 e 17 anos e son eles, acompañados por voluntarios maiores de idade, os que recollen, agrupan e clasifican os agasallos nun local de Costa Vella antes da súa entrega ás familias. Na campaña de Nadal de 2024 participaron 13 voluntarios maiores de idade (monitores) e 30 voluntarios adolescentes (ventureiros).
Fernando Suárez, presidente do CPEIG, manifestou que “é un pracer” para o colexio e para el mesmo colaborar na campaña, ao igual que xa se fixo anteriormente na etapa da COVID-19 cando a entidade profesional doou a Cáritas Interparroquial de Santiago unha porcentaxe da recadación do seu principal evento da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, a súa celebración anual.
Con motivo das vindeiras festas do Nadal, Suárez sinalou que o Colexio pon en marcha a campaña Doa tecnoloxía, comparte futuro, mediante a que se recollerán equipos informáticos novos (ordenadores portátiles ou de sobremesa, tabletas, teléfonos móbiles ou outros dispositivos similares) que serán entregados a Cáritas para a súa distribución entre as familias que máis o necesiten. “O noso propósito é que ningún menor quede excluído da contorna dixital por falta de recursos, e que estas datas tan sinaladas sirvan tamén para fomentar a solidariedade e o compromiso social dentro do sector tecnolóxico galego”, indicou Fernando Suárez, convidando ás súas colexiadas e colexiados e ás empresas tecnolóxicas que colaboran decote co Colexio a participar nesta especial iniciativa solidaria. “A implicación do sector tecnolóxico servirá para potenciar a aprendizaxe e a integración social dos cativos” –afirmou–.
As doazóns, tanto a título empresarial como individual, poderán realizarse ou enviarse directamente á sede do CPEIG (rúa de Fernando III O Santo, 13-1º A, 15701, Santiago). Os equipos recibidos serán xestionados polo CPEIG e entregados a Cáritas para a súa distribución antes das festas do Nadal.
Suárez agradeceu de antemán aos compañeiros do sector “pola súa atención, sensibilidade e colaboración nesta iniciativa que une tecnoloxía, compromiso e solidariedade coa finalidade de contribuír a que máis nenas e nenos teñan acceso ás ferramentas dixitais que hoxe son clave para a súa aprendizaxe e desenvolvemento persoal”.
Tamén apuntou que unha das principais liñas do CPEIG é a mellora tecnolóxica da sociedade, cun importante labor social cos máis pequenos, as persoas maiores e a contorna rural. “A tecnoloxía abrangue todos os ámbitos da vida e actualmente existe unha importante brecha tecnolóxica e, polo tanto, social. Senón integramos aos nenos e nenas neste avance tecnolóxico, non estaremos creando unha sociedade igualitaria”, comentou.