O CITIC presenta un revolucionario proxecto tecnolóxico que achega coidados ás persoas coidadoras
venres, 8 de novembro do 2024
O persoal investigador do CITIC presentou este 8 de novembro o proxecto TechQoL4Carers, unha innovadora iniciativa que ten como obxectivo desenvolver a solución tecnolóxica CuidaconTIC, que busca mellorar a calidade de vida, o impacto dos coidados, o equilibrio ocupacional, a autoxestión da saúde e o empoderamento das persoas coidadoras informais.
A plataforma CuidaconTIC destaca pola integración de dispositivos wearables que permiten recoller datos de saúde de forma continua. Estes dispositivos, como reloxos intelixentes e pulseiras de actividade, rexistran información detallada sobre a actividade física (pasos, distancia, tempo activo e calorías queimadas), o sono (tempo total, fase REM, sono lixeiro e profundo, e tempo esperto) e a frecuencia cardíaca (mínima, media e máxima diaria). Ademais, “sincronízanse con aplicacións como Google Fit para facilitar a visualización e xestión dos datos de saúde”, destacou o equipo do CITIC, engadindo que “esta plataforma permite un acceso inmediato aos datos, ofrece recomendacións personalizadas para mellorar a calidade de vida e promove a conciencia sobre a saúde ao propoñer obxectivos claros de actividade e descanso”.
A xornada contou coa participación do director do CITIC, Manuel González Penedo, e Javier Pereira, subdirector; Pablo Martín Lancharro, subdirector de Atención Sociosanitaria e Innovación da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia; e de Juan Ignacio Borrego Vázquez, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica da Coruña; así como María Betania Groba González e Laura Nieto Riveiro, investigadoras principais do proxecto. Durante o acto presentáronse os resultados preliminares do proxecto, seguidos dunha demostración de uso da plataforma CuidaconTIC. Tamén tivo lugar unha mesa de experiencias, na que coidadoras informais e profesionais de entidades colaboradoras compartiron as súas vivencias e aprendizaxes derivadas do estudo piloto do proxecto.
“A implicación do CITIC na tecnoloxía inclusiva é un compromiso que vai máis alá da investigación tecnolóxica; está orientado a mellorar directamente a vida das persoas, especialmente aquelas que asumen roles fundamentais na sociedade, como son os coidadores informais. Desde o noso centro entendemos que a innovación tecnolóxica só pode considerarse plena se é accesíbel, útil e sostíbel para toda a sociedade” salientou Javier Pereira, subdirector do CITIC e coordinador do grupo de investigación que impulsou esta iniciativa.
O proxecto TechQoL4Carers está coordinado polo grupo de investigación TALIONIS en colaboración co grupo LIA[2], ambos pertencentes ao centro de investigación TIC da UDC, e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a UE a través dos fondos Next Generation. A iniciativa baséase nunha plataforma web interconectada cunha aplicación móbil e dispositivos carrexábeis. Esta solución ofrece un conxunto de servizos personalizados que permitirán as persoas coidadoras informais recoller e monitorizar datos sobre a súa calidade de vida, equilibrio ocupacional, impacto dos coidados e saúde en xeral. Asi, recibirán notificacións e suxestións baseadas nos seus datos, ademais de acceder a contidos de formación en liña que lles proporcionarán apoio nas súas tarefas de coidado e autocoidado.
Na presentación lembrouse que en en España, entre o 10,8 e o 23% da poboación asume un rol de coidado informal, dedicando, na maioría de casos, máis de 20 horas á semana a esta actividade. As mulleres representan a case un 90% das persoas coidadoras, especialmente entre os 45 e 64 anos. “O impacto desta labor é significativo, presentando tanto aspectos positivos como negativos na vida destas persoas. A crise mundial provocada pola pandemia da COVID-19 acentuou a necesidade de responder con urxencia ao reto social dos coidados”, explicou o equipo do CITIC, engadindo que CuidaconTIC “propón ser unha ferramenta clave neste contexto, ofrecendo recursos como un resumo diario de datos de saúde, visualización de información relacionada coa actividade física e o sono, unha enquisa semanal sobre o benestar e un sistema de asesoramento personalizado”. Ademais, a integración de dispositivos carrexáeis (wearables) permitirá a recollida continua de datos de saúde, facilitando o seguimento da calidade de vida e promovendo un estilo de vida saudábel.