O CITIC intensificaŕa o seu traballo tecnolóxico-integrador a prol das persoas con discapacidade

luns, 27 de xuño do 2022 S. P.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente da Asociación Pro Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia, ASPRONAGA, Nicanor Álvarez, asinaron a semana pasada un convenio de colaboración para intensificar a investigación no ámbito da discapacidade a través do CITIC (o Centro de Investigación TIC da UDC).
O subdirector do CITIC, Javier Pereira, explicou que este acordo intensificará a investigación en Tecnoloxías da Comunicación para as persoas con discapacidade e declarou que “a Cidade das TIC será unha boa oportunidade para ter un espazo específico cun laboratorio destinado a isto”.
O reitor adiantou que o Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC (arestora en proceso de rehabilitación),disporá dun taller de dispositivos intelixentes no que se poderá traballar este proxecto mentres o CITIC non teña sede de seu neste complexto tecnolóxico que dá nova vida á antiga Fábrica de Armas da Coruña. O reitor salientou “a sensibilidade especial da UDC” e “o compromiso co acceso á universidade destas persoas”, como demostran proxectos como Talentos Inclusivos, impulsado dende o CITIC, ou o Espazo Compartido.
Para o presidente de ASPRONAGA, este convenio “abre portas” e amosouse disposto a colaborar e a aportar a experiencia dos sesenta anos de existencia desta asociación.

PUBLICIDADE