O CCG e a Xunta comparten iniciativas presenciais e dixitais para o impulso do galego
venres, 8 de novembro do 2024
A situación da lingua e as medidas a adoptar foron os temas que abordaron a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no marco da reunión celebrada na mañá deste 8 de novembro na sede do CCG en Santiago (Pazo de Raxoi). O conselleiro debullou as medidas para o impulso do galego, moitas delas dixitais, e a presidenta do CCG trasladoulle á súa vez as iniciativas programadas pola institución para 2025 en materia de lingua, entre as que destaca un foro participativo.
“Estamos ante un momento único para unir forzas e traballar en conxunto polo prestixio da nosa lingua, demostrando o compromiso de todos e todas polo noso maior tesouro”, destacou o conselleiro trala xuntanza, á que tamén asistiron Valentín García, secretario xeral da Lingua e Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG.
“A ninguén se lle escapa que a lingua é unha preocupación central desta institución” apuntou Rosario Álvarez, quen lembrou que como “corpo asesor e consultivo poñemos á disposición da administración os informes, documentos de traballo, ditames outros materiais que a institución ten elaborado con rigor e responsabilidade en materia de lingua”. Recordou, tal e como anunciou na súa comparecencia parlamentaria do pasado 30 de outubro, a posta en marcha dun foro participativo ao longo de 2025 en que se abordarán problemas sociais da lingua desde diferentes perspectivas. Tamén apuntou a dispoñibilidade do Observatorio da Cultura Galega para modificar a súa “programación para dar cabida ás medidas de exploración e de análise que sexan necesarias para o proceso que agora comeza”.
A presidenta lembrou que o CCG leva anos insistindo na necesidade de que as cuestións lingüísticas teñen que estar fora do debate partidario e debe ser “un proxecto de país”.
Foro participativo
Entre xaneiro e decembro de 2025 o Consello da Cultura Galega poñerá en marcha un formato participativo semellante ao que xa desenvolveu no ámbito do patrimonio (Foro patrimonio e sociedade, que xuntara un centenar de expertos e deu lugar a unha guía práctica que contén as liñas estratéxicas arredor da xestión integral do patrimonio cultural na comunidade galega). O novo foro, coordinado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, artellarase en seis mesas de debate. “A partir dunha serie de liñas de información e debate, chamaremos a consulta a expertos e axentes sociais para abordar experiencias e iniciativas da sociedade civil que estean a funcionar e que permitirán chegar a un documento propositivo” apuntou a presidenta do CCG. O deporte, o ensino non obrigatorio... son algúns dos eixos de actuación deste foro.
Con todo, insistiu no feito de que serán actuacións complementarias coas que se están a desenvolver desde tanto desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que xa anunciou a posta en marcha máis de 50 medidas para impulsar o uso do galego en diverso eidos, como doutras entidades.
Pacto pola Lingua
A xuntanza enmarcouse nas reunións que está a levar a cabo o conselleiro para avanzar no Pacto pola Lingua, un proceso, apuntou, “no que consideramos esencial facer partícipes a distintas institucións relevantes na sociedade que poden aportar achegas de grande interese a esta folla de ruta para impulsar o galego”. Explicou que a reunión “dá continuidade aos primeiros encontros que xa se produciron cos grupos parlamentarios, e que se volverán retomar nas vindeiras semanas, encamiñados a acadar o consenso sobre as liñas de actuación que permitan reforzar a presenza da lingua en todos os eidos”. Así, ao Consello da Cultura Galega seguiranlle conversas coa Real Academia Galega e con outras entidades como a Administración xeral, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as universidades.
Con estes movementos, indicou o responsábel autonómico de Lingua,“estamos ante un momento único para unir forzas e traballar en conxunto polo prestixio da nosa lingua, demostrando o compromiso de todos e todas polo noso maior tesouro”. Un traballo que, recordou, parte dun documento que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xa propuxo ás formacións políticas na toma de contacto inicial e que tamén lle presentou á presidenta do Consello da Cultura Galega tendendo unha ponte, dixo, para “enriquecelo con novas propostas que, a bo seguro, van ir en beneficio do galego e da sociedade”.
Deste xeito, lembrou que desde a Xunta deseñáronse unha serie de liñas clave que teñen por obxectivo chegar a un Pacto pola Lingua, sobre as que se irán artellando novas accións ao longo dos próximos meses. Así, o punto de partida contempla: a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega coa creación de comisións de traballo antes de final de ano formadas por persoas de recoñecido prestixio; a posta en marcha dun plan de 50 medidas para impulsar o uso do galego en diversos eidos; o incremento dun 30% da partida destinada a accións de dinamización da lingua nos orzamentos de 2025; situar a CRTVG como catalizadora da lingua, favorecendo produtos en galego, e seguir as recomendacións da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias como referencia.
As primeiras medidas
O conselleiro recordou que desde principios de outubro, a Consellería ten en marcha unha campaña que, baixo o lema Saca a lingua que levas dentro, convida a facer uso do galego máis alá “do alto nivel de coñecemento e competencias que do idioma”, dixo, engadindo que os seguintes pasos, sobre os que xa se leva traballando hai tempo e que se desenvolverán nos vindeiros meses, abranguen accións centradas no eido dixital, outras enfocadas nas persoas chegadas do exterior e ao fenómeno do neofalantismo, así como iniciativas dirixidas á mocidade ou a reforzar a presenza do galego en diferentes sectores profesionais e diversos ámbitos da sociedade.
Salientou así a posta en marcha o ano que vén de máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas para persoas non nacidas en Galicia, ademais de grupos de voluntariado lingüístico para organizar conversas e propostas de traballo colaborativo coas asociacións de distintas comunidades asentadas en territorio galego. A isto, engádense outros cursos centrados en distintos ámbitos profesionais, como o sanitario, e propostas como actividades para incentivar a lingua na escola.
Lembrou tamén que as persoas que deciden falar galego cando a súa lingua nai foi outra teñen á súa disposición o portal neofalantes.gal, onde, máis alá de atopar un punto informativo, tamén poden interactuar a modo de rede social para dar testemuños e compartir experiencias sobre o proceso. Ademais, no eido dixital tamén destaca o Proxecto Nós, unha das propostas máis ambiciosas a prol do galego que avanza para situalo nun medio esencial hoxe en día, de maneira que estea presente en todas as plataformas tecnolóxicas.