Nova edición das Xornadas Tecnolóxicas R

luns, 5 de xuño do 2023 Redacción

Unha nova edición das Xornadas Tecnolóxicas R celebrarase o martes 13 de xuño na Finca Montesqueiro, en Oleiros (A Coruña), onde se reunirán profesionais e altos responsables de empresas para escoitar as reflexións de expertos sobre os profundos cambios que o noso mundo experimentou nos últimos anos.
Baixo o título O reto de seguir liderando como humanos ofrecerase unha visión especializada e completa que poida aproximar o auditorio ás claves definitorias da contorna tecnolóxica en que vivimos, claves que en gran medida marcarán tamén o devir do mundo de agora en diante, tras as profundas transformacións económicas e sociais dos últimos anos.
O diplomático, ex ministro de Asuntos Exteriores de Israel e historiador Shlomo Ben Ami, compartirá co auditorio a súa visión dos novos tempos, de “saltos exponenciais, revolucionarios, que representan grandes promesas para a Humanidade e ao tempo grandes ameazas”. Ben Ami detallará, así mesmo, como as guerras comercial e tecnolóxica entre Estados Unidos e China están a marcar a orde xeopolítica mundial, o económico e o propio destino da Humanidade.

A importancia de visualizar o futuro

Ao longo do seu relatorio Máquinas amigas, Macarena Estévez, socia emérita en Deloitte e experta en IA e Analítica de Datos, explicará o seu concepto do futuro como “misterio que nos depara sorpresas e preguntas: de que xeito o visualiza quen aínda non naceu? É importante mirar cara ao futuro cos ollos das xeracións vindeiras e descubrir como isto pode influír nas nosas decisións presentes. Estar ao día nas tendencias e poder anticiparse será unha das claves para liderar o novo ecosistema empresarial cara ao que nos diriximos”.
Neste sentido, e ao fío das tendencias en IA e o seu impacto nas empresas, Macarena debullará de que maneira nos achegamos a unha singularidade tecnolóxica nun mundo dixitalizado a gran velocidade. As empresas transfórmanse, adáptanse, e a intelixencia artificial emerxe como puntal para automatizar procesos.

Blockchain, 5G e revolución tecnolóxica

Alfredo Ramos, director de R, presentará o programa das Xornadas Tecnolóxicas R 2023, que se vai completar, por unha banda, co caso de éxito da empresa Gestamp, cuxo responsable de industria intelixente (Virtual Factory), Jorge Vázquez, exporá as peculiaridades da aplicación da tecnoloxía 5G na súa compañía e, por outro, coa charla do director de Distribución de Plexus Tech, Ramón Bueno, sobre Blockchain: disrupción e innovación ao servizo das persoas.
Finalmente, na mesa profesional A revolución tecnolóxica, está a túa empresa preparada? intervirán de novo Shlomo Ben Ami e Macarena Estévez xunto a José Penas, director comercial de R e outra vez Ramón Bueno e Jorge Vázquez. Poranse sobre a mesa cuestións como as posibles estratexias ante o contexto económico actual e as tensións xeopolíticas; tendencias tecnolóxicas emerxentes máis influentes e a súa repercusión no mercado; perspectivas e principais retos da IA a medio e longo prazo e ciberseguridade ou sustentabilidade das empresas, entre outros temas de actualidade esenciais para comprender a contorna en que nos movemos e anticipar no posible como afrontar o futuro a nivel social, económico e tecnolóxico.

PUBLICIDADE