Monster Hunter Wilds celebrará beta aberta a vindeira semana

mércores, 23 de outubro do 2024 Marcus Fernández

O 28 de febreiro de 2025 sairá á venda o agardado xogo Monster Hunter Wilds, con versións para PS5, Xbox Series X|S e PC, pero os máis ansiosos están a recibir cos brazos abertos a nova de que o xogo vai celebrar unha proba en beta aberta entre o 1 de novembro ás 4:00 horas e o 4 de novembro ás 3:59 horas, aínda que cunha sorpresa para os usuarios de PlayStation 5 subscritos a PlayStation Plus, xa que contarán cun acceso anticipado exclusivo dende o 29 de outubro ás 4:00 até o 31 de outubro ás 3:59 horas.
Esta fase de proba de Monster Hunter Wilds permitirá aos xogadores experimentar unha parte limitada do xogo e verificar diversos aspectos técnicos, como a carga de rede e o funcionamento xeral do xogo antes da súa publicación definitiva.
A beta aberta ofrecerá o sistema de creación de personaxes completo (de feito, poderán transferirse da beta á versión completa do xogo), permitirá achegarse á historia do xogo e realizar os seus titoriais básicos, e permitirá tamén vivir a experiencia Abate ao Doshaguma (na que haberá que vencer ao exemplar alfa da manada de doghagumas).

Novo tráiler de Monster Hunter Wilds