Lorenzana salienta o papel de DATAlife para a transformación dixital do sector biotecnolóxico
venres, 9 de agosto do 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cualificou como “indispensábel” o labor que realiza o Hub de Innovación Dixital DIH DATAlife á hora de achegar a tecnoloxía dixital a toda a cadea de valor do sector biotecnolóxico de Galicia. Lorenzana mantivo un encontro con representantes desta entidade, que reúne unha vintena de asociados de diferentes sectores, entre empresas, centros tecnolóxicos, universidades e cinco clústers empresariais.
“DATAlife”, segundo destacou a conselleira, “é unha peza clave para identificar retos tecnolóxicos nas área da saúde, a economía circular, e os novos produtos a partir de biorrecursos e dotar estes sectores das ferramentas necesarias para afrontalos”. Recordou tamén que as cadeas de valor nas que traballa son a de agro-mar alimentación, biotecnoloxía, forestal-madeira e a de saúde-coidados. En total, dixo, abrangue un ámbito de 52.350 empresas, co obxectivo de acelerar a súa transformación dixital e optimizar toda a súa infraestrutura de procesamento de datos a través da Intelixencia Artificial e a análise da información a gran escala (Big Data).
Na reunión deuse conta dos proxectos que leva desenvolvido ata o de agora, enfocados sobre todo á prestación de servizos de IA e robótica para a produción ecolóxica e sustentábel no sector agroalimentario.
Galicia biorrexión de referencia
DATAlife Hub de Innovación Dixital, con sede en Santiago de Compostela, naceu para converter Galicia en biorrexión de referencia en Europa a través da conexión, coordinación e creación de sinerxías entre os axentes do ecosistema de innovación e os sectores produtivos. DATAlife proponse facilitar a incorporación da Intelixencia Artificial e a analítica de datos nas pemes galegas dos sectores ligados ás Ciencias da Vida.
DATAlife está ao servizo das pemes para “mellorar a súa competitividade, permitíndolles aproveitar as vantaxes das tecnoloxías dixitais para vender máis, mellorar a súa conta de resultados, ser máis eficientes e competir con garantías nunha contorna global”.
Os socios de DATAlife son cinco agrupacións industriais: Agrupación industrial Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), Agrupación industrial da Acuicultura de Galicia (CETGA), Agrupación industrial da Madeira e do Deseño de Galicia (CMD), Agrupación industrial Saúde de Galicia (CSG) e Agrupación industrial TIC Galicia; cinco empresas tractoras: Grupo Zendal, FINSA, Televés, Vodafone e Noso Capital; cinco centros tecnolóxicos: Energylab, Gradiant, ANFACO-CECOPESCA; Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) e o sistema universitario de Galicia: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e FEUGA.