Latri.ca organiza o I Festival on line con grupos galegos

mércores, 13 de outubro do 2010 Raquel Noya

Fía na Roca será un dos grupos que participará desta iniciativa de Latri.ca

Coa chegada de Internet, o abano de actividades que podemos facer sen movernos dos nosos fogares con tan só unha conexión de mediana calidade e uns minutos do noso tempo, é cada vez maior, e isto, que a primeira vista podería parecer unha desvantaxe á hora de pensar en relacionarnos fisicamente co resto da sociedade e acceder á cultura que nos rodea, comeza a ser positivo no momento no que grupos como latri.ca argallan iniciativas como a que segue.
Este grupo de galegos e galegas, vendo que remata o verán e con el os numerosos festivais que acontecen na nosa Terra e que tanto nos gustan a gran maioría, vén de crear o primeiro festival musical en liña con grupos galegos que, durante un día, será retransmitido a través da Rede para facernos partícipes do mesmo a tódolos internautas.
A intención é facernos disfrutar a todos dunha actuación en vivo dende as nosas propias casas, ao tempo que se promociona a cultura galega, difundindo en tempo real actuacións de varios grupos galegos na rede social latri.ca e na paxina festa.latri.ca, a modo de festival.
O evento terá lugar o vindeiro día 20 de outubro a partir das 20:10 horas e inicialmente nel participarán os grupos galegos, Esquios, The Cripple and the Tramp, Losthopes, Carlos López, Labazada, La comandancia, Dreams of Dolly Sheep, O Neno Elliott e Fia na Roca.
En total, serán máis de dúas horas de música en directo para ser seguidas comodamente dende o sofá da casa, sen ter que rifar con outros festivaleiros por estar en primeira liña do evento.