Julio Abalde entrega os diplomas de ciberexpert@s a máis dun cento de escolares da Coruña

mércores, 13 de maio do 2026 S. P.

Esta mañá o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, inaugurou o Fórum Metropolitano da Coruña o acto de entrega de diplomas do programa Ciberexpert@s 2026, organizado pola Policía Nacional da cidade herculina e no que participaron arredor de 125 escolares de 6º de Primaria de varios centros da contorna. Encontro no que participaron arredor de 125 escolares de 6º de Primaria dos CEIP Raquel Camacho, Concepción Arenal e Sal Lence, que recibiron os seus diplomas como recoñecemento á formación desenvolvida durante varias xornadas sobre seguridade dixital, uso responsable de internet e prevención dos riscos nas redes sociais.
Pola súa banda, Julio Abalde quixo pór en valor “o importante labor preventivo que desenvolve a Policía Nacional nos centros educativos da cidade para formar a nenos e nenas nun uso seguro e responsable das novas tecnoloxías”. O subdelegado salientou ademais que “a educación dixital é clave para protexer á infancia fronte a ameazas como o ciberacoso, a suplantación de identidade ou as tecnoadicións”.
O programa Ciberexpert@s forma parte do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, unha iniciativa impulsada polo Ministerio do Interior para previr situacións de risco que afecten á seguridade e ao benestar dos e das menores.
Ao longo das sesións formativas o alumnado aprende a identificar e minimizar os perigos asociados ao uso cotián das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), analizando cuestións como o ciberacoso, o grooming, a seguridade nas redes sociais ou o uso responsable de internet.
As actividades inclúen tamén accións dirixidas ás familias, ás que se lles facilitan ferramentas para acompañar ás e aos menores nunha navegación segura e nun uso axeitado das redes sociais. “A mellor ferramenta para previr os riscos dixitais é a formación e a concienciación desde idades temperás”, destacou o subdelegado.
Logo de superar un test final, os alumnos e alumnas participantes reciben o carné oficial de Ciberexpert@s, impreso pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.
Para rematar o acto levouse a cabo unha presentación multimedia de repaso dos contidos traballados durante o programa e unha actuación musical do artista infantil Chuches Amil, antes da entrega final dos diplomas.