Insta360 lanza unha webcam con gimbal

martes, 2 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Insta360 revoluciona o mundo das webcams coa nova Insta360 Link, cámara que presenta un deseño moi semellante ao dunha cámara DJI Osmo Pocket, aínda que pensada para usarse sobre unha pantalla ou un trípode, de xeito que o seu gimbal emprégase para que a cámara 4K poida realizar funcións de seguimento baseado en intelixencia artificial.
A Insta360 Link conta cun sensor 4K de media polgada, conseguindo unha grande calidade de imaxe, mentres que o seu gimbal de 3 eixes controla o seu movemento en horizontal e vertical.
A intelixencia artificial do seu software sérvelle tanto para poder manter centrado sempre ao usuario en pantalla como para poder empregar a cámara mediante xestos, conseguindo así unha versatilidade que converte a cámara nun excelente accesorio tanto para o traballo remoto como para a docencia, aínda que tamén haberá que aproveite as súas funcións para usos recreativos (como podería ser a gravación de bailes coa cámara en vertical, para poder compartir os vídeos logo en redes sociais).
A cámara pode rexistrar vídeo 4K a 30 imaxes por segundo, permite personalizar o brillo, a exposición e o balance de brancos, e incluso ten un modo HDR (moi práctico para usuarios que están situados preto de fiestras ou outras fontes de luz).
A intelixencia artificial pode seguir ao usuario cando se move fronte a cámara, mantendo o encadre centrado e aplicando o nivel de zoom que indique o usuario, para o que tamén resulta moi cómodo o control por xestos, cos que poden activarse os distintos modos de funcionamento e axustarse o zoom. Entre os modos temos tanto cámara fixa como o seguimento do usuario, pero tamén uns modos especializados, como un modo encerado (que pode fixar a cámara nun recadro predeterminado no que escribir ou realizar presentacións), un modo aéreo (que serve para enfocar cousas que estean no escritorio) e un modo retrato (no que a cámara pasar a funcionar en vertical, adaptándose mellor ás plataformas sociais).
A nova cámara de Insta360 tamén integra un par de micrófonos para captar axeitadamente a voz e aplicar algoritmos de cancelación de ruído, e é compatible coas principais plataformas de videoconferencia para Windows e macOS.
Pódese adquirir de xeito independente a un prezo de 369,99 euros (404,99 euros no seu kit con trípode).

Vídeo promocional da Insta360 Link

PUBLICIDADE