Indiegogo estrea un programa para campañas de micromecenado con garantía

luns, 26 de agosto do 2024 Marcus Fernández

As plataformas de micromecenado teñen un nivel de fiabilidade moi dispar, aínda que de xeito xeral entendíase que as iniciativas que apostaba por Kickstarter eran máis solventes, por contar a plataforma cunhas esixencias mínimas, mentres que en Indiegogo proliferaron os proxectos decepcionantes, acumulando a mecenas anoxados por adiamentos sen xustificar (como aconteceu, por exemplo, coa consola Sinclair ZX Spectrum Vega+, entregada con 22 meses de retraso).
Para evitar estas situacións dende Indiegogo veñen de anunciar un novo programa chamado Shipping Guaranteed (ou Envío Garantido) de xeito que as campañas adheridas ao mesmo poderán comprometerse a devolver os cartos sen non respectan os prazos de entrega.
O lanzamento deste programa realízase coa campaña de micromecenado da cámara de acción voadora HOVERAir X1 Pro/Pro Max, que presume de ser o primeiro dispositivo deste tipo en gravar vídeo en 8K a 30 imaxes por segundo (sendo tamén capaz de gravar en 4K a 120 imaxes por segundo). Este dron con cámara (con numerosos modos de seguimento automático) é moi compacto, cun peso de 192 gramos e unha autonomía de até 16 minutos, ten un prezo de partida de 357 euros para o modelo básico (537 euros no caso do modelo Max) e promete entregarse a partir de outubro. Falamos dun produto xa desenvolvido, a piques de iniciar a súa produción en serie, e dun fabricante con experiencia, polo que resulta ideal para o programa de envíos garantidos.

Vídeo promocional da nova cámara voadora de HOVERAir