Google avanza de cara ao lanzamento de lentes con IA en 2026

martes, 9 de decembro do 2025 Redacción

Google aproveitou o The Android Show: XR Edition para presentar unha batería de novidades destinadas a consolidar o ecosistema Android XR, que nas últimas semanas deu un salto cualitativo tras o lanzamento do visor Samsung Galaxy XR. A compañía avanza agora en novas funcións para o dispositivo que aínda conta cunha distribución moi limitada e ofrece unha primeira ollada aos modelos de próxima xeración en colaboración con distintos socios tecnolóxicos e de deseño.
Galaxy XR recibe actualizacións pensadas para integrar a realidade espacial no día a día. A máis destacada é PC Connect, unha ferramenta que permite conectar un PC con Windows ao casco para gozar de xeito inmersivo do escritorio completo ou de fiestras individuais, combinándoas con aplicacións nativas de Google Play. A función, que chega en fase beta, amplía o espazo de traballo e permite tanto aumentar a produtividade como xogar a títulos de PC nun formato imposible nun portátil tradicional.
Outra das novidades é o modo viaxe, pensado para empregar o casco en movemento, por exemplo durante un voo, mantendo a estabilidade da imaxe e convertendo un espazo reducido nun cine persoal ou nunha oficina inmersiva. Engádese tamén Likeness, un sistema que xera unha representación dixital realista da cara do usuario e reproduce en tempo real as súas expresións e xestos durante videoconferencias, favorecendo interaccións máis naturais.
Ademais das melloras para o visor, Google avanzou na súa visión dun ecosistema XR diversificado. No ámbito das lentes con IA, a compañía de Mountain View traballa con Samsung e coas firmas Gentle Monster e Warby Parker en dous tipos de lentes intelixentes. Un modelo ofrecerá asistencia sen pantalla mediante altofalantes, micrófonos e cámaras integradas, mentres que outro incorporará un visor nas lentes capaz de mostrar de maneira privada información contextual, como indicacións de navegación ou subtítulos de tradución. As primeiras chegarán ao mercado o ano que vén.
Android XR dará tamén soporte ás lentes XR conectadas por cable, que combinan a inmersión dun casco coa presenza do mundo real nun formato lixeiro. Nesta categoría presentouse Project Aura, de Xreal, equipado cun campo de visión de 70 graos e tecnoloxía óptica see-through que permite superpoñer contidos dixitais directamente sobre a realidade física. Estes dispositivos permiten organizar varias fiestras nun lenzo virtual sen illarse do contorno e resultan útiles tanto para tarefas cotiás, como seguir unha receita mentres se cociña, como para guías visuais paso a paso en reparacións domésticas. O seu lanzamento confirmarase o ano que vén.
Para completar o anuncio, Google convidou os desenvolvedores a sumarse a esta nova etapa coa publicación da Developer Preview 3 do Android XR SDK. A actualización abre oficialmente o desenvolvemento para as lentes con IA e incorpora novas funcionalidades para crear experiencias máis ricas e inmersivas tanto en cascos coma nas lentes XR por cable.

Vídeo coas novidades de Google no ámbito da realidade estendida