Galicia avanza cara a un modelo de transporte dixital

xoves, 4 de agosto do 2022 Redacción

Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha da plataforma de Mobilidade 4.0 para avanzar cara a un modelo de transporte dixital e sustentable tras a súa aprobación no Consello da Xunta, facendo realidade o contrato que permitirá o deseño, desenvolvemento, implantación, soporte, mantemento e operación desta plataforma por un valor estimado de 9,4 millóns de euros, tendo en conta as posibles modificacións e prórrogas.
Rueda lembrou a necesidade de que o transporte “sexa cada vez máis sustentable, coa axuda da incorporación da tecnoloxía”, e por iso, explicou que a plataforma suporá vantaxes como a incorporación dunha aplicación móbil de fácil emprego para que o usuario dispoña de toda a oferta de transporte público de Galicia; a recollida de todos os modos de transporte alternativos ao vehículo privado en tempo real e a implantación dun sistema de rexistro, pago e reserva de servizos.
O novo sistema de pagamento da plataforma permitirá ao viaxeiro pagar co móbil con só pasar polos escáner que rexistrarán onde se sube e onde se baixa cada usuario.

Web e app como puntos de acceso e xestións das viaxes

A plataforma galega de Mobilidade 4.0 irá acompañada do desenvolvemento dun portal web e dunha aplicación móbil que disporá, entre outras funcionalidades, dun planificador multimodal, que integrará nun punto único toda a oferta de transporte e mobilidade da Comunidade Autónoma baixo unha visión MaaS (Mobilidade como servizo). Este novo portal irá incorporando a información de todos os modos de transporte alternativos ao vehículo privado, ofrecerá información en tempo real e permitirá empregarse como un sistema de rexistro, de pagamento e de reserva de servizos válido. A nova plataforma integrarase co Sistema de axuda á explotación da mobilidade de Galicia (Saegal).

Novo paradigma de pagamento

Outro dos obxectivos desta iniciativa é introducir un novo paradigma de pagamentos denominado pagamento baseado en conta (Account Base Ticketing - ABT), que supón un cambio do modelo actual «pague e viaxe» a un modelo «viaxe e xa pagará». Deste xeito o viaxeiro poderá elixir o pagamento mediante móbil, tarxeta bancaria ou unha nova tarxeta de mobilidade de Galicia (TMG) sen contactos.
Para isto, os soportes físicos actuais (tarxeta TMG) converteranse en meros tokens de identificación do pasaxeiro no autobús, simplificando a acción que realizan as máquinas canceladoras. Estas só deberán identificar o viaxeiro, onde sobe e onde baixa. Cando as máquinas envíen esta información ao sistema central, será este último quen realice o cálculo do prezo da viaxe tendo en conta o perfil do usuario e os descontos a que teña dereito e procederá ao cobramento da viaxe no moedeiro virtual do usuario (modo prepagamento) ou no medio de pagamento definido polo usuario (modo pospago). O contrato prevé a expedición de 120.000 novas tarxetas.

PUBLICIDADE