Feliz 2022!

venres, 31 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Un ano máis chega á súa fin, e aínda que se frustraron as nosas previsións dun ano no que dicir adeus á pandemia, temos a esperanza de que iso sexa así en 2022, polo que recibiremos o Aninovo con ilusión e co desexo de ter aprendido algo durante os complicados meses que vimos de pasar.
Este 2021 foi un ano de contrastes, no que puidemos ver a consolidación de moitas prácticas que se fixeron populares durante o confinamento, pero desta volta cun ritmo máis pausado e natural. Agora a celebración de eventos híbridos semella unha realidade duradeira, e o uso de códigos QR ou incluso do móbil a xeito de billeteira (tanto para realizar pagamentos coma para portar documentos) espallouse entre a poboación xeral como un signo dos tempos que estamos a vivir.
Estamos a experimentar unha transformación moi fonda da nosa sociedade, xogando a tecnoloxía un rol moi activo neste proceso de cambio, e queremos seguir aquí un ano máis contándoo en chave galega.
Así desexamos aos nosos lectores unha boa entrada de ano e que 2022 nos devolva a unha normalidade na que poder comunicarnos tanto telematicamente como cara a cara.

PUBLICIDADE