En marcha un proxecto galego para crear un sistema de radiotelevisión libre pola Rede: Adtlántida.tv
venres, 10 de maio do 2013
Os galegos Berio Molina
(co-responsábel de iniciativas como alg-a
ou escoitar.org) e Beka (tamén
coñecido e Geeksha e co-administrador de olholivre.net)
son os impulsores dun interesante proxecto en desenvolvemento para
a materialización dunha nova canle informativa independente con
fortes vencellos coa Internet. Falamos de Adtlántida.tv,
sistema de radiotelevisión libre pola Rede que conta co apoio da
Universidade Internacional de Andalucía (Capital Riesgo da UNIA) e
que se atopa, a día de hoxe,
en plena campaña de crowdfounding, ou sexa, en proceso de
procurar pequenos investidores-internautas que fagan posíbel,
fornecendo achegas conformes ás capacidades dos seus petos, o que
doutro xeito, nos tempos que corren, serían máis enleado. A idea
básica é facer fronte a “vimeos e bambusers dende lóxica
comunitaria da experimentación”.
O proxecto Adtlántida.tv
(que xunta nun único termo o prefixo “ad”, do latín “cara a”
e máis o nome da antiga illa-continente nalgún lugar do Atlántico,
símbolo do máis antigo pero tamén do máis innovador: coma se o
tempo dobrase as súas puntas até tocarse), é como dixemos un
sistema de radiotelevisión libre. A súa rede de aplicacións web e
para dispositivos móbiles, informan Berio e Beka, “permite
emitir
e consultar material audiovisual en calquera momento e desde calquera
lugar, utilizando calquera dispositivo libre”.
A interface estará dispoñíbel
en galego, castelán e inglés como mínimo, explican.
Como
avanzamos antes, a falta de grandes investimentos o proxecto aposta
polo
espírito do software libre aplicado a tódolos elos da cadea de
xeración. De feito, funcionará como unha gran comunidade de
experimentación, ao estilo dun obradoiro sen responsábel primeiro
nin censura nin elemento de poder ao que render contas. Así nolo
explican: “Adtlantida.tv diferéncia-se
doutros servizos como Bambuser, Ustream ou Vimeo no emprego exclusivo
de ferramentas libres (Icecast en servidor linux, reproductores
multimedia html5, apps para android), na combinación nun mesmo
servizo comunitario
de live streaming e a demanda, ademais da liberdade de contidos, sen
censura, así como na ausencia de publicidade”.
Amais
de todo isto, o proxecto concíbese como unha tentativa de recuperar
algo que se perdeu polo camiño da historia da comunicación: o
respecto polo destinatario da comunicación. Os creadores de
Atltántida non quere un espectador coma un produto que o medio
informativo vende aos anunciantes. De feito, a comunidade
xestionarase coas achegas que permitirán, unha fez feito o
desenvolvemento, abonar cada ano o custe dun bo servidor streaming
garantindo
a estabilidade do servizo
(bo amplo de subida e baixada de dados) a través da fibra óptica da
rede libre Guifi.net.
“Na
infraestrutura contaremos co soporte de pertencer ao anel de servers
giss.tv, e das máquinas de Marsupi”,
engaden.
Ademais, Adtlantida.tv contará
“cunha
equipa dedicada a investigar e desenvolver novas aplicacións que
satisfagan necesidades experimentais”.