Dous profesionais do póker enfróntanse hoxe coa intelixencia artificial do ordenador Polaris
luns, 23 de xullo do 2007
Ó igual que ocorrera co Deep Blue no ano 1997, a cidade de Vancouver acolle hoxe un novo enfrontamento entre o home e as máquinas, neste caso o xogo en cuestión será o Texas Hold ´em Poker, a modalidade profesional do famoso xogo de cartas. Pola banda dos “homes” sentarán na mesa o campión mundial Phil Laak e o xogador profesional Ali Eslami, mentres que a intelixencia artificial estará representada por Polaris, ordenador desenvolvido pola Universidade de Alberta, institución co departamento de investigación de xogos máis prestixioso do mundo.
O dito encontro non terá lugar nun casino, senón na Conferencia da Asociación polo Avance da Intelixencia Artificial en Vancouver, e estenderase durante dous días, nos que cada un dos profesionais situarase fronte ó ordenador en habitacións separadas, e xogarán partidos paralelos nos que as mans de cada rolda estarán invertidas.
Noutras palabras: a man de Laak será a que terá a versión de Polaris que enfronta a Eslami, e viceversa. Ao final do encontro sumaranse as fichas de ambos concursantes e compararanse as mesmas coas obtidas polas respectivas versións do Polaris.
A clave do impredecible
A diferenza do xadrez, as damas, e o backgammon -xogos nos que todas as posibilidades atópanse ao descuberto e a máquina pódeas ver claramente- no póker, o máis difícil é saber que cartas ten o adversario e se a súa maneira de xogar vén respaldada ou non por unha man forte.
Nun principio, os ordenadores que xogaban póker contra as persoas seguían a premisa de xogar de xeito agresivo sempre que se tivera unha boa man. Esta sinxela estratexia de xogo era descuberta polos profesionais logo dunhas poucas voltas, deixando exposto o sistema de xogo do computador, permitíndolles aos xogadores unha doada vitoria.
Porén, nesta nova versión, os investigadores da Universidade de Alberta centraron os seus esforzos en lograr que o cerebro artificial poida recompilar información acerca de como xoga o seu contrincante, amorear estes datos e usalos coma estatísticas do comportamento de xogo do adversario, permitindo este dobre xogo estratéxico que constitúe un eido nas competicións de póker.
Coma se fora pouco enfrontarse a un computador destas características, e a publicidade que xera este evento, os xogadores terán a posibilidade de levarse a casa a suma de 25.000 dólares cada un en caso de gañar os catro partidos programados para hoxe e mañá.
Na imaxe, con casco de moto (agochando deste xeito as expresións que puideran delatalo), o campión mundial Phil Laak.