Destacan a ferramenta EMi como exemplo do bo uso da IA na busca de emprego

luns, 16 de xuño do 2025

Mesa Impacto da IA no Emprego dentro do foro CES Galicia

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe na Cidade das TIC da Coruña na mesa redonda Impacto da IA no Emprego, enmarcada no foro CES Galicia, onde presentou a ferramenta de intelixencia artificial EMi, xa implantada nas 54 oficinas de emprego de Galicia.
Tal e como explicou Lado, EMi utiliza intelixencia artificial para conectar oferta e demanda no mercado laboral. Esta ferramenta facilita o axuste en tempo real entre as necesidades de persoal do tecido produtivo e os perfís das persoas demandantes rexistradas no servizo público de emprego, contribuíndo así a facer fronte ao reto de cubrir vacantes. Entre os seus beneficios, destacou que EMi analiza as características e competencias das persoas demandantes en relación con datos avanzados do mercado laboral, identificando tanto sectores emerxentes como empresas que están a contratar en cada ocupación.
A directora tamén indicou que a ferramenta xa permitiu realizar o perfilado competencial de preto de 60.000 persoas. Ademais, estase a traballar na mellora da súa configuración para incorporar novas funcionalidades, ampliar os servizos dispoñibles para as empresas e, máis adiante, para as persoas que conten con esas competencias. Así mesmo, estase a reforzar a capacidade de detectar as competencias máis demandadas en cada concello, o que permitirá definir as formacións prioritarias para cada territorio.