Denuncian que Apple está a obstaculizar o uso de motores web alternativos en iOS

luns, 14 de xullo do 2025 Redacción

Cando a Lei de Mercados Dixitais (DMA) entrou en vigor o 7 de marzo de 2024, a Unión Europea deixou claro que as grandes plataformas tecnolóxicas designadas como gatekeepers debían deixar de impoñer os seus propios motores de navegación web. A norma pretendía garantir a libre competencia e a innovación no sector, impedindo que compañías coma Apple usasen o seu control sobre os sistemas operativos para limitar a funcionalidade de navegadores web rivais. Porén, quince meses despois, ningún provedor conseguiu lanzar en iOS un navegador web que non empregue WebKit, o motor de Safari.
A situación foi obxecto de debate nun recente obradoiro sobre a DMA no que participaron representantes de Apple, de navegadores como Firefox ou Chrome, e entidades como Open Web Advocacy (OWA), organización que leva máis dun ano denunciando os atrancos impostos por Apple á hora de portar motores como Blink ou Gecko ao ecosistema iOS.
A pesar de que Apple asegura que «os navegadores teñen todo o necesario para operar co seu propio motor na UE», a realidade que describen Mozilla, Google e outros actores é moi distinta: as condicións técnicas e contractuais impostas fan inviable comercialmente desenvolver e manter un navegador web con motor propio en iOS.
Entre os obstáculos máis críticos salientan:
– A obrigatoriedade de lanzar unha nova aplicación desde cero, perdendo todos os usuarios actuais na UE
– A imposibilidade de realizar probas de compatibilidade fóra do territorio comunitario
– A incerteza sobre a continuidade das actualizacións se un usuario viaxa máis de 30 días fóra da UE
– Un contrato de uso do motor cunhas condicións xurídicas que os navegadores consideran abusivas
A OWA lembra que o navegador Safari é un dos produtos con maior marxe de beneficio de Apple, achegando entre o 14 % e o 16 % do seu beneficio operativo anual, grazas sobre todo ao acordo con Google polo cal recibe arredor de 20.000 millóns de dólares ao ano por manter o seu buscador como opción predeterminada. «Cada punto porcentual de cota de mercado perdido supón 200 millóns menos para Apple», advirten.
Tamén os organismos reguladores británicos, xaponeses e estadounidenses apuntan a que a restrición de Apple responde a motivos económicos máis que de seguridade, e que supón unha forma de blindar os ingresos da App Store dificultando a competencia das aplicacións web.
A DMA establece que os gatekeepers non poden limitar a eficacia das obrigas legais mediante restricións técnicas ou contractuais. A interpretación que fai OWA é clara: Apple non está a cumprir co espírito da norma, e a súa actuación mina o propósito do artigo 5(7), que é garantir a competencia real a nivel de motor de navegador e liberar as aplicacións web do control que impón WebKit.
Mozilla, Google e outras organizacións reclaman que se poida manter a base de usuarios existente, probar as súas aplicacións en todo o mundo e desenvolver funcionalidades como o uso de extensións propias, o acceso a tecnoloxías coma WebUSB, ou a posibilidade de instalar aplicacións web directamente desde os seus navegadores.

Recente obradoiro sobre a DMA