Conseguen facer unha Wii do tamaño dun chaveiro

martes, 23 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Aínda que os fabricantes de consolas de videoxogos lanzan en moitas ocasións versións máis compactas das mesmas (normalmente alcumadas slim), algúns entusiastas chegan a redeseñalas demostrando que aínda poden reducir máis o seu tamaño con pequenas modificacións, que nalgúns casos poden ser realmente impresionantes, como é o caso da Nintendo Kawaii, que é como se coñece a unha Nintendo Wii do tamaño dun chaveiro.
Este proxecto de modificación é unha colaboración entre un par de entusiastas, que querían conseguir fabricar unha Wii micro que chegase a ser incluso máis pequena que a coñecida como Gamecube Nano, e que finalmente conseguiron meter o que sería o cerebro da Wii nun chasis de aluminio de 60 x 60 x 16 milímetros, cun conector magnético para poder adherilo a unha base na que se incluirían 4 portos para mandos, saídas de vídeo composto e por compoñentes, saída de audio e toma USB-C para a alimentación.
Un magnífico traballo de aproveitamento do espazo, que conseguiu meter unha consola enteira no que normalmente pensariamos que é o cartucho dun xogo de Game Boy, e aínda que os responsables do proxecto vaian realizar unha produción reducida destas consolas, non é algo que vaia estar ao alcance de case ninguén, polo que cómpre velo como unha inspiración para outros proxectos semellantes.