Compostela será a vindeira parada do Tour Tecnolóxico @asLAN 2007

martes, 12 de xuño do 2007 Raquel Noya

Por terceiro ano consecutivo, a Asociación de provedores de sistemas de rede, Internet e telecomunicacións, @asLAN, vén de pór a andar o Tour Tecnolóxico 2007, que nesta edición, ademais de Sevilla, Pamplona, Barcelona e Murcia, fará parada en Santiago de Compostela o vindeiro 20 de xuño.
Nesa data, o Hotel Meliá Araguaney acollerá o segundo dos Foros do devandito Tour Tecnolóxico, que nesta ocasión se consolida como unha das principais actividades organizadas pola asociación.
Este evento de longo percorrido, que conta coa colaboración dos principais provedores de redes e tecnoloxías converxentes (Alcatel-Lucen, Siemens, Unitronics...) ten como principal obxectivo ofrecer unha visión global e integrada das novas tecnoloxías relacionadas coas redes e as súas distintas aplicacións no ámbito profesional para contribuír á mellora da competitividade empresarial.
Os profesionais TIC de empresa e Administración Pública son o público obxectivo desta segunda edición que se orienta de xeito especial a 10 Sectores Clave da economía: Sanidade, Seguridade, Educación, Transportes, Operadores de Telecomunicacións, Fianzas, Industria, Enerxía, Audiovisual e Distribución Comercial.
En Compostela, ó igual que no resto das cidades nas que @asLAN fai o seu percorrido, terán lugar de 10 a 15 relatorios impartidos por fabricantes, maioristas, integradores e operadores. Este ano, como en pasadas edicións, a Asociación agarda contar coa participación especial de representantes no ámbito das novas tecnoloxías, dos distintos Gobernos Autonómicos, así como doutras institucións de ámbito rexional.
Ademais de facilitar o intercambio dinámico de información, experiencias e coñecemento entre provedores e Responsables TIC da empresas e administración pública, os organizadores pretenden potenciar a creación de redes de contactos e a detección de novas oportunidades de negocio entre os asistentes, sobre todo, grazas á celebración simultánea de actividades que permitan as relacións directas entre os asistentes.

PUBLICIDADE