Clair Obscur: Expedition 33 triunfa nos The Game Awards 2025

venres, 12 de decembro do 2025 Redacción

A gala dos The Game Awards 2025 deixou un claro protagonista: Clair Obscur: Expedition 33. O título de Sandfall Interactive, dispoñible en Game Pass Ultimate, converteuse no gran vencedor da noite ao levarse o galardón a Xogo do Ano, ademais de mellor dirección, mellor narrativa, mellor dirección artística e mellor banda sonora. O recoñecemento estendeuse tamén ao seu elenco, con Jennifer English premiada pola súa interpretación, e á súa condición de obra independente, coroada como mellor indie e mellor debut.
O éxito de Expedition 33 confirma a traxectoria ascendente dun estudo que xa fora destacado no Xbox Game Showcase de 2024 e que agora consolida a súa posición como referente creativo. A súa presenza en Game Pass reforza ademais a estratexia de Xbox de apoiar proxectos de terceiros con gran potencial crítico e comercial.
A noite foi tamén significativa para os títulos de produción propia de Xbox. DOOM: The Dark Ages, de Bethesda Softworks, recibiu o premio á Innovación en Accesibilidade, mentres que South of Midnight, de Compulsion Games, foi distinguido na categoría Games for Impact. Outros proxectos como Avowed, Indiana Jones y el Gran Círculo, Ninja Gaiden 4 e The Outer Worlds 2 sumaron candidaturas, reforzando a presenza de Xbox Game Studios no panorama internacional.
A gala serviu igualmente para anunciar novidades de peso. Blizzard presentou Diablo IV: Lord of Hatred, expansión que chegará en abril de 2026 con novas clases e un final épico contra Mephisto. Remedy revelou Control Resonant, mentres que Crystal Dynamics confirmou o desenvolvemento de dúas entregas de Tomb Raider: Legacy of Atlantis e Catalyst.

Vídeo coa gala dos The Game Awards celebrada a pasada madrugada