Chega a España a última pulseira de actividade de Xiaomi

mércores, 22 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Hoxe chegou a España oficialmente a Xiaomi Smart Band 7 a un prezo de lanzamento promocional de 49,99 euros, converténdose na pulseira de actividade máis completa do fabricante chinés, que mantén no seu catálogo versións de xeracións anteriores a prezos bastante económicos (a Mi Smart Band 4C ten un prezo oficial de 19,99 euros), estratexia coa que consegue dominar o mercado deste tipo de dispositivos.
Esta nova pulseira de Xiaomi destaca pola súa xenerosa pantalla AMOLED de 1,62 polgadas con máis dun cento de deseños personalizados, correas de cores, monitorización da frecuencia cardíaca, monitorización do nivel de osíxeno en sangue durante todo o día, supervisión do sono, máis de 110 modos de deporte, resistencia á auga de até 5 atmosferas e unha batería cunha autonomía de até 14 días de uso normal (ou 9 días de uso intensivo).
Aparte das funcións de actividade física, a Smart Band 7 tamén serve para recibir notificacións do smartphone, desbloquear o teléfono, consultar o prognóstico do tempo ou incluso para axudar a buscar o teléfono en caso de perdelo.

PUBLICIDADE