Call of Duty: Black Ops 6 podería atraer até 4 millóns de subscritores ao Game Pass

venres, 25 de outubro do 2024 Marcus Fernández

O agardado xogo Call of Duty: Black Ops 6 xa está dispoñible para a súa compra nas súas versións para PC, Xbox One, Xbox Series X|S, PS4 e PS5, pero este ano o máis interesante non é nin a súa campaña con secuencias de acción cinematográfica, nin o seu multixogador con 16 novos mapas dende o seu lanzamento, nin o modo zombis, senón que o punto de mira está posto no feito de que por primeira vez o xogo está incluído no Game Pass de Xbox, polo que o equilibrio que consiga entre vendas e subscricións pode ser decisivo para a evolución da industria dos videoxogos.
Os analistas aseguran que Black Ops 6 podería incrementar os subscritores de Game Pass entre 2,5 e 4 millóns, o que pode verse como un grande pulo para o servizo de Xbox, pero podería reducir as vendas do xogo en até 6 millóns de copias. Estamos ante equilibrio como complicado, non que será bastante difícil concluír se a fórmula do Game Pass é sustentable a longo prazo, replicando un debate ao que estamos xa afeitos no audiovisual, con filmes que non resultan rendibles se non trunfan nas salas cinematográficas antes de chegar ao streaming.
Estamos ante un escenario de probas, que pode indicar o futuro rumbo do sector dos videoxogos, aínda que será difícil coñecer como se recibirá internamente en Microsoft, pois non sabemos as expectativas que ten a compañía con esta nova estratexia de lanzamentos tras a adquisición de Activision-Blizzard.