Brión achégalle a certificación europea de manexo do ordenador ao seu alumnado

venres, 2 de xullo do 2010 Raquel Noya

Un total de 85 veciños e veciñas do Concello de Brión, na provincia da Coruña, veñen de participar, ao longo dos últimos doce meses, nos cursos de informática de usuario organizados pola entidade pública, uns cursos formativos nos que as persoas asistentes aprenderon a desenvolverse con programas de utilidade de Microsoft para o seu día a día tales como o Word, o Access ou o Powerpoint, entre outros.
Os cursos estaban divididos en cinco módulos e foron deseñados de tal maneira que as persoas asistentes ían facendo as clases ao seu ritmo, dispoñendo do seu tempo como mellor lles cadrara co desenvolvemento do seu día a día.
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, e a concelleira de Cultura, Patricia Vázquez, presidiron onte mesmo a entrega dos diplomas acreditativos aos alumnos e alumnas ao tempo que os felicitaron polo interese mostrado nesta iniciativa.
Segundo palabras do edil, que animou ao alumnado a seguir participando en novos cursos que organice o Concello,“antes dicíase que un era un analfabeto se non sabía ler e escribir, agora es un analfabeto se non sabes utilizar un ordenador”.
O mellor desta iniciativa, ademais de formar aos veciños do lugar e capacitalos para usar as ferramentas tecnolóxicas que teñen na casa, é que moitas persoas asistentes teñen a oportunidade de converter os seus diplomas acreditativos nunha Acreditación Europea de Manexo do Ordenador, un certificado oficial da Fundación ECDL (European Computer Driving Licence) que ten un recoñecemento a nivel internacional e no que Brión, segundo afirman “é o único concello de Galicia que o pode entregar”. Estas acreditacións ECDL certifican que o alumno posúe unha formación básica e completa en informática a nivel de usuario e supoñen tamén unha garantía para as empresas e as administracións que contratan a esas persoas.
Iso si, para conseguir estas certificacións os alumnos e alumnas terán que superar un exame previo dos seus coñecementos; unha serie de probas que están estruturadas en sete módulos, que coinciden cos cursos de Informática de Usuario que impartiu o devandito Concello.
Asemade, no vindeiro curso os alumnos que se examinen en Brión poderán optar a un certificado de calificación en tecnoloxías da información recoñecido a nivel internacional.

PUBLICIDADE